ALCALDÍA

Roger Penrose recibiu o Premio Fonseca 2011

23/11/2011 O físico matemático Roger Penrose (Inglaterra, 1931) recolleu o IV Premio Fonseca de divulgación científica que conceden o Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago.

Horas antes de recoller o seu premio, Roger Penrose foi recibido en Raxoi polo alcalde e a Corporación. O físico británico asinou no Libro de Honra. O rexedor municipal tamén participou no acto de entrega do Premio Fonseca, onde Penrose pronunciou a conferencia Mirando a través do Big Bang cara a outro mundo.

O xurado do premio xustificaba en xullo a súa decisión cualificando como "un Da Vinci moderno" a Penrose, que colle a estela de Stephen Hawking, James Lovelock e David Attenborough na consecución dun galardón co que se recoñece a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia.

A multidisciplinariedade da súa carreira así como o carácter internacional da súa figura pesaron na decisión sobre outras candidaturas, destacando "a súa capacidade de divulgar a ciencia, situando ao lector na fronteira do coñecemento nun vasto ámbito multidisciplinar, dende as orixes do Universo aos misterios da mente humana, do mesmo modo creativo e arriscado que caracterizou tamén a súa brillante traxectoria científica".

Roger Penrose
Membro da Royal Society de Londres, en 1990 gañou o Science Book Prize e dous anos antes compartiu con Stephen Hawking o Premio Wolf en Física, considerado a antesala dos Nobel. Precisamente en 1965, en Cambridge, probou con Hawking, con quen ten varias obras publicadas, que as singularidades poden formarse a partir do colapso de inmensas estrelas moribundas.

Como estudante, o novo Premio Fonseca reinventou a inversa xeralizada, máis coñecida como a inversa Moore-Penrose. Outro descubrimento produto das súas investigacións nos anos sesenta sería a hipótese de censura cósmica, que propón que o universo nos protexe da impredictibilidade das singularidades como os buratos negros ocultándoos da vista. Resolver isto é un dos problemas máis importantes na teoría da relatividade.

A interdisciplinariedade do profesor de Oxford chega incluso ao mundo da arte, de maneira que as figuras imposibles que deseñou nos anos 50 –triángulo e escaleira de Penrose- foron logo popularizadas con éxito polo artista holandés Maurits Escher.

O xurado considerou ademais a publicación en 2006 do seu libro O camiño á realidade: Unha guía completa ás leis do universo, que constitúe un dos mellores manuais de divulgación dos últimos tempos. Entre os premios recibidos por Penrose destacan as medallas Eddington en 1975, Dirac en 1989 e a Albert Einstein en 1990; o Premio Naylor en 1991 ou a importante Medalla Copley en 2008.

Desaloxo da Sala Yago
Preguntado o alcalde polo desaloxo da Sala Yago, expresou o "apoio absoluto, radical e sen fisuras ás forzas de seguridade do Estado". Por outra parte, manifestou a intención de seguir negociando coa familia propietaria do recinto co fin de recuperar a actividade no mesmo. "Xa estivemos revisando para ver que reparacións son necesarias, orzamentos, e desexamos que os destrozos causados por estes individuos non teñan agravado o custo destas para os cidadáns", engadiu.

Compartir: