ECONOMÍA

O Cersia acolle dous seminarios para emprendedores e xestores de Pemes

22/11/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou dous seminarios formativos gratuítos dirixidos a emprendedores e xestores de Pemes dentro do programa Santiago Investors Support. Desenvolveranse en colaboración coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) da Coruña. A edil estivo acompañada pola directiva da AJE Lucía Canabal.

O primeiro dos seminarios titúlase "Como debe ser un día eficiente dun xerente dunha PEME". O seu obxectivo é que os participantes poidan descubrir que controlar, como e cando na operativa diaria dunha PEME. A duración do taller será de dúas horas e celebrarase o 29 de novembro no Cersia, en horario de mañá. O curso conta con 200 prazas. Tras a celebración do taller, as persoas participantes terán a oportunidade de coñecerse mellor nun café networking.

O segundo dos seminarios é "Como crear un sistema de control de xestión nunha PEME con poucos medios". O obxectivo é identificar as ferramentas de xestión para establecer un sistema de control interno áxil, eficaz e adaptado ao negocio. A duración será de seis horas, distribuídas nunha sesión teórica de tres horas e noutra sesión práctica de tres horas, que terán lugar os días 13 e 15 de decembro, en horario de tarde. Son 20 as prazas dispoñibles.

Estes seminarios son a segunda acción do Santiago Investors Support, despois de que a comezos de novembro se presentase o Plan de Formación Continua, cun programa composto por dez cursos e unha oferta de 185 prazas. A inscrición pode facerse a través de www.maiscompostela.org.

Tal como recordou Reyes Leis, Santiago Investors Support ten tres obxectivos: impulso e mellora da competitividade empresarial e comercial; proxección exterior e captación de investimentos; posta en valor e dinamización da actividade económica. Os públicos aos que se dirixe o programa son: persoas emprendedoras e inversores interesados en desenvolver proxectos empresariais no Concello, empresas e comercios xa asentados en Santiago; persoal das empresas e comercios da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: