XUNTA DE GOBERNO

Prorrogada por un ano a explotación do estacionamento de borde de Salgueiriños

21/11/2011 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou a prórroga por un ano da encomenda do estacionamento de borde de de Salgueiriños. Ademais, acordou a modificación das tarifas de autotaxi para o ano 2012 e a prórroga de varios servizos, así como a adxudicación doutros, como o de radiocomunicacións da Policía Local ou o de subministro de roupa para este corpo.

A proposta do concelleiro de Mobilidade, acordouse a prórroga da ocupación temporal da parcela que é utilizada para o aparcadoiro de borde de Salgueiriños. Así, prorrógase ata o 31 de decembro de 2012 a encomenda da explotación do estacionamento a TUSSA.

Tamén en materia de mobilidade, as tarifas de taxi experimentan un incremento do 2,45%. A voceira da Xunta de Goberno Local explicou que se ben os taxistas solicitaban unha subida maior, o Concello, de acordo ao actual contexto económico, acordou esta suba media, inferior incluso ao IPC. Ademais, o servizo ao aeroporto queda como estaba, en 20 euros.

Outro dos acordos foi a adxudicación do servizo de radiocomunicacións trunking de voz e datos, por un importe de 14,14 euros por terminal e mes. Isto permitirá ofrecer cobertura mediante este servizo a todo o municipio, co conseguinte aforro xa que, na actualidade, a Policía Local debía comunicarse por teléfono móbil dende os lugares onde non existía cobertura, segundo explicou Paula Prado.

A Policía Local tamén é a beneficiaria da adxudicación do subministro de prendas de confección para o seu persoal, por un importe de 44.697 euros. E por urxencia, deuse o visto bo á revisión e mantemento dos equipos respiratorios, por un importe de 16.158 euros.

Facenda
En materia de Facenda, aprobouse a prórroga por dous anos do contrato do servizo de actualización do Catastro sobre inmobles urbanos e inmobles rústicos con construcións, ata o 28 de decembro de 2013, cun custo de 228.879 euros. Ademais, adxudicáronse os traballos de depuración e rectificación no aplicativo informático municipal que xestiona a base de datos cidade dos enderezos de 828 rúas, por 17.586 euros.

Sanidade
Outro contrato que se prorroga é o do servizo de desratizacion no termo municipal de Santiago, por un ano (ata o 6 de decembro de 2012) e cun importe de 25.200 euros.

Compartir: