CULTURA

A Banda Municipal estrea o ciclo de sete concertos de novos intérpretes galegos

18/11/2011 A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela pon en marcha o domingo 20 unha das novidades mais esperadas da programación 2011-2012: o ciclo de Xoves Intérpretes Galegos. Este ciclo inclúe sete concertos nos cales a Banda Municipal contará ao longo de toda a tempada con sete solistas diferentes. O primeiro será Andre Cebrián Garea, de Compostela.

Trátase de sete mozos galegos con idades comprendidas entre os 15 e os 25 anos e que están levando a cabo os seus estudios musicais tanto en Galicia como no estranxeiro. Con esta iniciativa a Banda Municipal pretende poñer en valor o gran talento dos mozos galegos e o sacrificio e a continuidade que supón estudar unha carreira musical.

Este domingo o solista convidado será Andre Cebrián Garea, que nace en Santiago de Compostela o 7 de decembro de 1986 e empeza a estudar frauta aos 7 anos con José Antonio Rei. Máis tarde no Conservatorio de Santiago con Víctor Dieguez e, posteriormente, na Escola de Altos Estudos Musicais con Luís Soto e Laurent Blaiteau. Ingresa no Conservatorio Superior de París con Claude Lefèbvre, e no Conservatorio Superior de Salamanca con Pablo Sagredo, onde se licencia con matrícula de honra, e realiza un posgrao na Hochschule für Musik Detmold con Jainos Bailint.

Obtén o premio no IX Ciclo de Novos Intérpretes da Fundación Pedro Barrié de la Maza na Coruña en 2005. Tamén é gañador do Primeiro Premio do Concurso do V Ciclo de Xóvenes Intérpretes Concello de Ortigueira o mesmo ano. En 2008 consegue o cuarto posto no IV Concurso Internacional de Frauta de Crakovia, cun premio especial por ser o finalista máis novo.

Formou parte da JONDE en 2007-08 e da Gustav Mahler Jügendorchester, GMJO, de 2008-10. Esta bagaxe permítelle dicir que tocou nas principais salas europeas, tales como o Musikverein en Viena, Royal Albert Hall en Londres, Teatro San Carlo en Nápoles, Royal Concertgebouw en Amsterdam, Tonnhalle en Zúric e outros. Foi membro da Orquestra Presjovem, coa academia BandArt, da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e da World Wind Orchestra, e colabora ocasionalmente coa OSG.

A cita será no Teatro Principal o 20 de novembro, ás 12:00 horas, co seguinte programa:

- Silvia, de L. Delibes
- Concerto para frauta, de M. Mower (1º vez pola Banda Municipal)
- Huntingtower, de O. Respighi ( 1º vez pola Banda Municipal)
- Symphonic Dances, de Y. Fukuda (1º vez pola Banda Municipal)

Compartir: