EDUCACIÓN E MOCIDADE

Programa de educación afectivo-sexual para mozos composteláns

10/03/2006 O Departamento de Educación e Mocidade do concello de Santiago de Compostela ven promovendo dende hai anos un programa de educación afectivo-sexual dirixido aos mozos e mozas de Santiago coa intención de instaurar estes contidos no sistema educativo de xeito integral. Para a posta en marcha deste programa cóntase coa colaboración de Xeneme- Intervención Social.

As diferentes propostas do programa responden ao interese compartido polas dúas institucións promotoras respecto de cómo educar neste ámbito, salientando a importancia dos afectos como modelo na educación de actitudes cara á vida.

Poderanse traballar todos os valores e actitudes necesarios para desenvolver unha educación afectivo-sexual que dea resposta ás necesidades e intereses dos mozos e mozas composteláns no seu proceso de crecemento e madurez.

O Programa de educación afectivo sexual nos IES Santiago de Compostela está dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO, segundo os intereses e as necesidades detectadas desde o centro educativo. A temporalización dos obradoiros é de 4 horas.

Os obxectivos son dotar aos mozos/as dun concepto integral de sexualidade de cara a unha aceptación positiva de si mesmos/as e dos/as demais, desmitificar os diversos mitos sexuais presentes na sociedade actual, traballar as actitudes persoais diante da sexualidade e a anticoncepción, difundir o servicio de consulta e informar e asesorar sobre sexualidade e anticoncepción.

Os contidos dos obradoiros son os mitos sobre a sexualidade, coñecemento do corpo, métodos anticonceptivos, o desenvolvemento afectivo sexual na adolescencia, igualdade de xénero, etcétera.

Así mesmo o programa vertebra as súas redes de cara á comunidade, xerando un servicio de información e asesoramento de EAS para a mocidade compostelán de cara a se converter nun referente para todos/as aqueles e aquelas que desexen obter información, asesoramento e resposta ante calquera problemática ou dúbida.

A metodoloxía empregada basease nos métodos activos, favorecendo que as diversas dinámicas utilizadas propicien a interacción entre tódolos membros do grupo.

Este proceso metodolóxico pretende acadar unha activación dos individuos a través da cal poidan asimilar unha información que lles resulte significativa e fácil de interiorizar. Preténdese ofrecer un cambio de perspectiva en canto á ruptura de mitos, unha percepción natural da súa sexualidade e das relacións de xénero.

Compartir: