CONSORCIO

O Consorcio recupera a obra musical de Melchor López, mestre de capela da Catedral de Santiago entre 1784 e 1822

18/11/2011 No marco da programación deseñada con motivo do 800 Aniversario da Consagración da Catedral, o Consorcio de Santiago puxo en marcha o traballo de recuperación da obra artística de Melchor López, cóengo e mestre de capela da Catedral nos séculos XVIII e XIX.

López, responsable de toda a actividade musical relacionada coa liturxia catedralicia entre 1784 e 1822, legou á Catedral o seu Libro de Órgano, con varias pezas compostas por el mesmo. Este libro, que se garda no Arquivo da Catedral, foi obxecto de estudo nos últimos meses, e como consecuencia, publicouse un libro e editouse un disco coa gravación destas pezas, inéditas ata hoxe. En paralelo, programouse un concerto de música de órgano, a cargo de Bruno Forst, este sábado 19 de novembro.

Os estudosos consideran a López coma un dos mellores expoñentes do clasicismo musical español. Xa se coñecían algunhas obras súas, como o Requiem, interpretado este mesmo ano pola Filharmonía de Galicia, pero nunca se estudaran as súas composicións dos primeiros anos, cando residía en Madrid vinculado ao Colexio de Cantores do Rei nos anos previos á súa chegada a Compostela. Estas obras foron recollidas polo propio López no seu Libro de Órgano e componse de 14 intentos e tres pequenas obras compostas a partir de himnos marianos (Salve Regina, Alma Redemptoris Mater e Ave Regina Caelorum).

Estas pezas musicais foron gravadas para formar parte dun disco que agora se publica e que se acompaña dun pequeno libro-estudo a cargo de Marco Brescia e con prólogo de Joám Trillo. Ademais, a Catedral de Santiago será escenario dun concerto conmemorativo, o sábado 19 de novembro, no que o organista Bruno Forst interpretará unha selección de pezas do disco.

Melchor López foi nomeado mestre de capela da Catedral de Santiago en 1784, por aquel entón unha das máis prestixiosas de España, cando acababa de cumprir 25 anos. Sucedeu no cargo ao italiano Buono Chiodi e buscou afastarse do italianismo reinante para dar cabida ás novas correntes estéticas que imperaban na Corte. Nese momento, a Catedral posuía un considerable número de músicos, unha situación económica desafogada e un ambiente óptimo para o desenvolvemento da música relixiosa.

Pero dende comezos do século XIX e debido ás convulsas vicisitudes políticas motivadas, entre outros aspectos, pola Guerra da Independencia, a situación cambiou radicalmente, polo que, ao finalizar o seu labor na capela de música, esta atravesaba unha profunda crise, da que nunca se recobraría totalmente.

Polo tanto, pódese dicir que a importancia de Melchor López radica principalmente en ser a ponte de unión entre a música do século XVIII e do XIX, sendo a súa obra un reflexo dos cambios que se experimentaron nese momento na música relixiosa en España.

A súa capacidade de traballo debeu ser asombrosa, pola cantidade e calidade das obras que compuxo na súa etapa compostelá e pola súa meticulosidade, que lle obrigaba a asinar e datar as obras no día, mes, ano e lugar de composición, e mesmo en varias indica a duración exacta da peza, feito que é de importancia capital para o estudo dos 'tempi' da súa época.

Foi sepultado no claustro da Catedral de Santiago, onde posteriormente se colocou unha lápida de mármore.

Este traballo de recuperación foi presentado nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa; o xerente da organismo, Xosé Manuel Villanueva, e o deán da Catedral, José María Díaz.

Compartir: