PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Resolto o problema de seguridade na estrada Roxos-Reborido coa retirada dun valado

18/11/2011 O problema de seguridade viaria e peonil causado por un valado de obras que invadía a estrada entre Roxos e Reborido quedou finalmente resolto, tras máis de dous anos de demandas veciñais. O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, xestionou esta solución, ao igual que a retirada duns ferros perigosos nas inmediacións do CEIP de Roxos.

O concelleiro explicou que coa retirada do valado, levantado polas obras de urbanización á altura do SUNP-25, en Villestro, se resolve o problema de seguridade para a circulación de vehículos que este supoñía. Esta era unha longa reivindicación da Asociación de Veciños "A Unión" de Villestro, presidida por Jaime Rivera.

Do mesmo xeito, Francisco Noya atendeu a petición do director do CEIP de Roxos, Jaime Fraiz, para que fosen retirados uns ferros perigosos nas inmediacións do colexio. Para o edil, a solución destes dous problemas era "só unha cuestión de vontade e compromiso cos veciños".

Compartir: