CULTURA

Aberta ata o 30 de novembro a convocatoria do XVII Premio Antonio Fraguas de investigación sobre traxe galego

18/11/2011 O Premio de investigación sobre o traxe galego "Antonio Fraguas" chega á súa XVII edición. O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes, presentaron a convocatoria, que premiará con 1.200 e 600 euros, respectivamente, os mellores traballos analíticos e descritivos sobre a indumentaria tradicional galega. O prazo de presentación de traballos está aberto ata o 30 de novembro.

Ángel Currás afirmou o apoio do Concello a este premio, importante no labor de "conservación e reforzo das nosas raíces culturais". Neste sentido, recordou que o propio alcalde, Xerardo Conde Roa, coa súa utilización do traxe galego na cerimonia da Ofrenda do Apóstolo, aposta pola "normalización do uso do traxe en determinados actos institucionais, tal como sucede noutros países". Tamén tivo palabras de recoñecemento ao traballo que realiza a Asociación do Traxe Galego, tanto na organización de actos e participación en desfiles e mostras como no eido formativo e de catalogación e arquivo.

Pola súa parte, Rita Miramontes secundou as palabras do concelleiro, indicando que "se coñecemos ben as nosas raíces, quizais poidamos avanzar cara adiante con máis seguridade". Sobre o galardón, dirixiuse aos investigadores para recordarlles que, ademais da dotación económica, estes traballos son un instrumento útil de aprendizaxe e para a elaboración de traxes. Nestes 16 anos do Premio Antón Fraguas, editáronse dous libros con traballos presentados.

Descritivos e analíticos
O Antonio Fraguas é o único certame de investigación sobre o traxe tradicional que existe en Galicia. Consta de dúas modalidades:

- Traballos descritivos, nos que debe especificar a materia con que están feitas as pezas, medidas, patróns, onde se atoparon, onde están na actualidade ou de qué época é cada peza analizada. O gañador recibirá 600 euros de premio.

- Traballos analíticos, que deben, investigar quen fixo o traxe, con que mecanismos e en que área. Nesta modalidade recoméndase no só a recolleita e catalogación das formas, senón tamén a investigación das crenzas e valores relacionados co traxe, da influencia na indumentaria dos poderes relixiosos, económicos e políticos e, finalmente, dos aspectos sociolóxicos.

A publicación do fallo e a entrega de premios terá lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi o 20 de decembro, ás 20:00 horas.. Colaboran coa Asociación do Traxe Galego na convocatoria deste galardón a Concellaría de Cultura e o Centro Comercial Compostela.

A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que dende 1995 vén traballando dende distintas vertentes sobre obxectivo xeral da promoción e dignificación do traxe tradicional galego. Organizan, entre outras cousas, o Día do Traxe Tradicional que se celebra durante as Festas do Apóstolo.

Documentos relacionados



Compartir: