MULLER

Unha andaina solidaria e un camiño de pegadas contra a violencia de xénero

18/11/2011 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, convidou a todos os composteláns a participar nos actos previstos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra cada 25 de novembro. Nesta ocasión, o recordo ás vítimas e o labor de sensibilización irá ligado ao propio Camiño de Santiago, a través dunha andaina e dun camiño de pegadas das mans dos escolares. Os actos completaranse cunha exposición.

Paula Prado incidiu na necesidade de "sensibilizar á cidadanía para que se implique na solución do problema da violencia de xénero, que cada día afecta a máis mulleres. É un problema de todos". Neste sentido, explicou que os actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero teñen o obxectivo de concienciar, pero tamén de dar a coñecer ás mulleres afectadas que existen administracións e entidades ás que poden acudir nestes supostos.

Entre os actos programados figura o Camiño solidario, unha andaina que se celebrará o sábado 26 de novembro. Partirá dende a praza de Lavacolla ás 10:00 horas, pero os que desexen realizar un percorrido máis curto poderán incorporarse en torno ás 11:30 horas na praza da Fonte (Monte do Gozo).

Os camiñantes, que en todo momento estarán acompañados por monitores e por un coche de apoio, chegarán sobre as 12:30 horas á praza do Obradoiro, onde se realizará unha concentración. Unha delegación municipal tamén participará na marcha.

Segundo anunciou a concelleira, xa son máis de 70 persoas as anotadas para participar. Os interesados deben enviar un correo electrónico á dirección cim@santiagodecompostela.gal ou chamar aos teléfonos 981 542 465 ou 608 609 645. Tamén se convidou aos concellos veciños a unirse a esta andaina.

Camiño de mans
O mesmo Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o venres 25 de novembro, culminará o traballo realizado no programa Esta é a miña man. Co fin de unir os pequenos esforzos de todos para erradicar esta lacra, os escolares de Compostelá unirán as pegadas das súas mans no casco histórico, arredor da Catedral, formando un gran camiño de mans. 22 centros escolares e 4.587 alumnos están participando nesta iniciativa, que comezou coa visita dos monitores aos colexios para a elaboración dos patróns das mans.

Ese día 25, unha representación de 619 escolares culminará o camiño de mans na praza do Obradoiro. En torno ás 13:00 horas, gardarase un minuto de silencio en recordo das vítimas da violencia de xénero.

Exposición
A terceira das iniciativas é unha exposición fotográfica baixo o título Así é como vivo. Recollerá fotografías reais de fogares nos que viven mulleres e fillos que sofren situacións de violencia. A mostra quere transmitir que "esa realidade non é a normalidade", senón unha "realidade distorsionada pola violencia", explicou a edil.

Nestes intres estase a preparar a mostra, na que o Concello conta coa colaboración doutras administracións, que cederán as fotografías. En función da selección e do volume final da exposición, esta celebrarase na Casa das Asociacións de Benestar Social ou no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Esta exhibición fotográfica transformarase logo en exposicións itinerantes por centros socioculturais e educativos da cidade. En principio está previsto están previstas dez exposicións itinerantes, sen prexuízo de que se poidan incrementar en función da demanda.

Compartir: