CULTURA

Cineuropa programa un coloquio tras a proxección de "Mercado de futuros"

16/11/2011 Na programación de actividades paralelas que Cineuropa organiza nesta XXV edición, nesta xornada, ás 20:30 horas, o Teatro Principal acolle un coloquio sobre o último traballo da directora, Mercedes Álvarez, Mercado de futuros. A cita será co produtor do filme, Xosé Zapata, xa que a realizadora se atopa no Festival de Cine de Florencia, onde compite a súa película.

Mercado de futuros, unha coprodución galega, é unha sorte de ensaio sobre a vida dos obxectos. Vemos obxectos non-natos (unha convención inmobiliaria que oferta propiedades aínda sen construír) ou ben nos derradeiros momentos da súa vida útil: o desmantelamento dunha casa familiar e o rumbo do que había alí xeran unha secuencia silenciosamente emotiva, ante a que é difícil quedar indiferente.

Ademais, hai obxectos inmateriais, os soños, que poden aparecer na forma de modernos seminarios de mercadotecnia e autoafirmación. E os símbolos, que serven para dar valor pero poden mercarse e venderse por si mesmos, nunha cerimonia onde o único que non se ve é o obxecto da operación. Tamén está o que xeralmente non imaxinamos como obxecto pero dalgún xeito tamén o é. Todo pode cambiar de dono. A consigna é a circulación permanente e a nostalxia, un resaibo de debilidade que remite a un estado anterior do desenvolvemento humano.

De todo iso fala esta película á que nos achegará aínda máis o seu produtor, Xosé Zapata. Mercado de futuros, estrea absoluta en Cineuropa, obtivo un excelente crítica nos festivais de Bos Aires e Sevilla, contribuíndo a consolidar o traballo de Mercedes Álvarez, quen xa coa súa primeira longametraxe El cielo gira, foi a gañadora do Bafici 2005 e obtivo o premio do Festival de Róterdam.

La mujer del Eternauta
O xoves 17, tamén no Teatro Principal, pero ás 20:15 horas, o público de Cineuropa poderá gozar dun personalísimo encontro con Adán Aliaga, director de La mujer del Eternauta. Unha longametraxe documental de produción galega con guión de Diego Ameixeiras e coa participación de Manuel Rivas, tamén en estrea absoluta en Cineuropa, que recolle a vida de Elsa Sánchez. Esta muller, de ascendencia galega, é a viúva de Héctor Germán Oesterheld, guionista da obra cumio do cómic arxentino, El Eternauta. A súa dramática traxectoria persoal convértea na vítima das vítimas, xa que a esta muller a ditadura militar arxentina arrebatoulle as catro fillas e mais o seu marido. O rumbo político da obra de Oesterheld serviu de escusa para comezar a barbarie.

La mujer del Eternauta é a historia dunha loita pola supervivencia en medio do horror. Unha crónica vital e próxima na que Elsa nos achega aos seus recordos co valor dos verdadeiros heroes. Un exemplo de loita pacífica contra a inxustiza, e un testemuño no que a dor e o amor pola vida van da man.

La mujer del Eternauta é a cuarta longametraxe do director Adán Aliaga. En 2005, o cineasta obtivo un nomeamento da Academia de Cine Europeo polo documental La casa de mi abuela, tamén premiado en varios festivais internacionais. No campo da ficción, debutou en 2009 con Estigmas, que se alzou co premio Pilar Miró a Mellor Opera Prima na SEMINICI.

E tamén na xornada do xoves, outra das citas importantes de Cineuropa: a película sorpresa. Será ás 22:15 horas no Teatro Principal.

Compartir: