EDUCACIÓN

O Concello asumirá a xestión dos comedores escolares a partir do vindeiro curso

16/11/2011 O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, asinaron un protocolo de intencións para a xestión do servizo de comedor escolar nos centros escolares da cidade, co fin de garantir a prestación deste servizo. O Concello farase cargo da xestión a partir do curso 2012-2013, coa colaboración financeira da Consellería.

Conde Roa indicou que este protocolo permitirá cumprir un compromiso do Goberno municipal e destacou que se dá co acordo da comunidade educativa. Ademais, agradeceu á Consellería a súa "sensibilidade" con esta demanda, que suporá "unha mellora sensible do servizo".

Pola súa parte, Xesús Vázquez, valorou a colaboración do Concello de Santiago nesta materia, converténdose no sexto municipio galego que se incorpora a esta fórmula de xestión. Tras a sinatura deste protocolo de intencións elaborarase un convenio no que se estipulen os termos para a colaboración entre ambas as dúas entidades. O concelleiro de Educación, Ángel Currás, estima que o convenio se asinará nos primeiros meses de 2012 e que o servizo de comedor será licitado polo Concello en torno a abril ou maio.

Currás agarda que se sumen a este modelo a maioría dos centros de infantil e primaria do municipio, coa excepción do CEIP Casas Novoa, que ten un servizo de comedor prestado directamente polo Centro Superior de Hostalería, situado ao seu carón e dependente da Xunta. Así, os beneficiarios serían once centros escolares: CEIP Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Cardeal Quiroga Palacios, López Ferreiro, Roxos-Villestro, Monte dos Postes, Pío XII, Mestre Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite I e Raíña Fabiola.

O concelleiro lembrou a importancia deste servizo de comedor para a conciliación da vida laboral e familiar e prognosticou que este novo modelo de xestión suporá tamén unha redución do prezo, que actualmente está para as familias en torno a 3 e 4 euros. A diminución do custo derivaría da posibilidade de adxudicar o servizo para todos os comedores a unha ou dúas empresas.

O Concello comprométese á prestación do servizo de comedor, a distribución e reparto dos menús entre os comensais, así como a facer a vixilancia, asistencia e coidade dos alumnos durante a utilización do comedor. Ademais a entidade local levará a cabo a devandita contratación da prestación do servizo para cada un dos colexios.

Escola Oficial de Idiomas
O conselleiro de Educación tamén respondeu ás preguntas sobre a futura sede da Escola Oficial de Idiomas, indicando que o seu departamento "está facendo a programación de necesidades". Unha vez realizada, dixo, "solicitaremos a parcela e traballaremos no proxecto". Neste sentido quixo deixar claro que "o proceso xa se iniciou" e que existe dotación para sacar adiante o proxecto.

Documentos relacionados



Compartir: