ALCALDÍA

Destacados especialistas analizan na cidade a relación entre violencia de xénero e Xustiza

16/11/2011 Un congreso internacional analiza os días 16 e 17 de novembro a problemática da violencia de xénero dende unha perspectiva xurídica. O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asistiu ao acto inaugural destas xornadas, que se celebran na Facultade de Dereito

O Congreso Internacional de Violencia de Xénero e Xustiza abriuse cunha conferencia titulada Construcións sociais vinculadas á violencia de xénero e impartida pola catedrática de Filosofía Moral da Universidade de Santiago, María Xosé Agra Romero. A xornada continuou coa mesa redonda Xénero, trauma e vitimización secundaria: denuncia, dispensa do deber de declarar, na que participaron Raquel Castillejo e o catedrático de Psiquiatría da Autónoma de Madrid, Enrique Baca, e coa conferencia Xurisprudencia do Tribunal Constitucional en materia de violencia de xénero a cargo do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Autónoma de Barcelona, Juan Carlos Gavara de Cara.

O resto do congreso estrutúrase en diversas mesas redondas sobre o concepto de violencia de xénero no Código Penal e na LO 1/2004, o tratamento do agresor, os indicadores de violencia de xénero, as medidas cautelares como a orde de afastamento, a persecución de actos de violencia de xénero en dereito comparado I e II e as respostas xudiciais á protección das vítimas.

Ademais, inclúense as conferencias dos catedráticos de Psicoloxía Social da USC, Gonzalo Serrano; de Dereito Procesual da Carlos III, Víctor Moreno; e de Dereito Penal da Universidade de Málaga, Patricia Laurenzo.

Ademais do alcalde, participaron no acto inaugural do Congreso o reitor da USC, Juan Casares; a conselleira permanente do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega; o decano da Facultade de dereito, Luis Míguez; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López; a directora xeral do Sergas, Esperanza Fernández; a decana do Colexio de Psicólogos, Rosa Álvarez; e a profesora da USC e presidenta do comité organizador, Raquel Castillejo.

Compartir: