CULTURA

Jorge Drexler, "moi contento" de recibir o premio Cineuropa na súa XXV edición

15/11/2011 O Festival de Cine compostelán entregou o segundo dos premios Cineuropa, na súa vixésimoquinta edición, a Jorge Drexler, nunha gala-concerto que se celebrou no Auditorio de Galicia. Este recoñecemento ao músico e compositor uruguaio súmase ao Óscar que posúe polo seu tema "Al otro lado del río" para a película Diarios de motocicleta (1997) e o Goya á mellor canción por Lope (2010). Á cerimonia asistiron o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, entre outros membros da Corporación, así como o director de Cineuropa, José Luis Losa.

Jorge Drexler presentou durante o seu concerto en Santiago de Compostela o seu novo espectáculo audiovisual Mundo Abisa, que complementou con cancións compostas por el para o cinema para festexar a entrega do Premio Cineuropa. O cantautor uruguaio, que antes mantivo un encontro cos medios de comunicación, declarou que estaba de xira en Perú cando se enterou da nova do Premio Cineuropa e se puxo "moi contento". Drexler, agradeceu o premio e insistiu que lle parecía "unha honra esaxeradísima, acompañada do plus de vir a Santiago e o feito de que as localidades se esgotasen tan rápido, o que me fai estar aínda máis contento".

O alcalde compostelán, Xerado Conde Roa, agradeceu a presencia de Jorge Drexler en Santiago e salientou o éxito do concerto do Premio Cineuropa 2011, avalado pola "avalancha de xente" que houbo para retirar as entradas, de carácter gratuíto, o que obrigou ao Concello de Santiago a trasladar a gala ao Auditorio de Galicia e poder ampliar en case 600 o número de localidades sobre o recinto inicialmente previsto, o Teatro Principal. Conde Roa tamén se referiu ao concerto que Drexler ía ofrecer con posterioridade á gala ao sinalar que "a diferencia do que ocorreu nunha célebre ocasión aquí non só te deixaremos cantar senón que queremos que cantes", en alusión á gala dos Óscar.

Ángel Currás, concelleiro de Cultura de Santiago, valorou que Drexler, "ademais dun gran compositor, e un gran difusor da lingua castelá", ao ser o primeiro músico que recibiu un Óscar por unha canción en español. Unha versatilidade á que tamén apelou o director de Cineuropa, José Luis Losa, que considerou que Drexler é merecedor do Premio Cineuropa 2011 pola súa "amplitude creativa e a súa capacidade para marcar coa música a súa pegada nas películas nas que participa ". José Luis Losa tamén adiantou que Drexler vén de debutar como actor e protagonista principal na película de Daniel Burman All in, rodada en Arxentina xunto a Norma Aleandro e Valeria Bertuccelli, na que encarna a un xogador de póker.

Con Drexler é a segunda vez que Cineuropa distingue o traballo dun músico, xa que con anterioridade (no 2006) recaeu en Stephen Warbeck, por Shakespeare in love, banda sonora pola que tamén obtivo un Óscar.

Documentos relacionados



Compartir: