CULTURA

Últimos días para ver "Cartografías silenciadas", de Ana Teresa Ortega

14/11/2011 O Auditorio de Galicia pecha o domingo 20 a súa exposición Cartografías silenciadas, de Ana Teresa Ortega, polo que todos os interesados teñen só esta semana para poder ver a mostra fotográfica.

Esta exposición, que xira arredor de fotografías de espazos de represión e encarceramento franquista, é froito dun convenio de colaboración entre a Universitat de València e o Auditorio de Galicia, para a itinerancia da mostra e co-edición dun catálogo que conta coa aportación de textos de reputados profesionais en castelán, valenciano e galego. Ademais de no Auditorio de Galicia, a mostra estivo xa no Palau de la Virreina (Barcelona) e no Museo da Paz de Gernika (Bizcaia-Euskadi)

Chus Martínez Domínguez, comisaria para Galicia, deu forma a exposición sobre un proxecto no que Ana Teresa Ortega preséntanos un traballo de tres anos –de máis de 70 imaxes– onde a súa demostrada excelencia artística e expresiva únese a unha exhaustiva investigación en diversos arquivos poñendo en relevo a vertente documental que ten a fotografía. Cada imaxe recolle espazos e edificios que foron lugares de represión e encarceramento durante o franquismo onde a súa cámara entabla un diálogo non exento de tensión e forza dramática que tamén se transmite ao espectador sobre a carga histórica e tráxica que estes lugares acumularon.

É un traballo que supón un grao importante de compromiso por parte da artista, que tivo acceso para as súas investigacións entre outros ao Archivo General Militar de Ávila, Archivo del Reino de Valencia, Archivo del Tibunal de Cuentas e a outros organismos que custodian documentos sobre a guerra civil. É polo tanto moi importante toda a información complementaria que acompaña as imaxes.

Ana Teresa Ortega (Alacante, 1952) é unha recoñecida artista visual que conta con obra en institucións e coleccións permanentes como a Colección Arco, o Instituto Valenciano de Arte Moderno (IVAM), o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia (MNCARS), en coleccións de San Francisco, Los Ángeles ou Chicago, ou no CGAC, por nomear algúns.

Compartir: