XUNTA DE GOBERNO

O Concello traslada o rexistro auxiliar de Fontiñas ao Cersia, primeiro paso para a creación da xanela única empresarial

14/11/2011 A Xunta de Goberno aprobou o traslado do rexistro auxiliar de Fontiñas ao edificio do Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (Cersia), en San Lázaro. Esta medida é o primeiro paso para a creación dunha xanela única empresarial neste punto.

A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, explicou que "dende a creación tanto deste rexistro auxiliar de Fontiñas como do situado no Ensanche, están dotados co mínimo persoal para o seu funcionamento, dotación que demostrou insuficiente cando ten habido ausencia deste persoal, xa que nestes casos se cubría con persoal do rexistro xeral, o que ocasionaba un importante trastorno neste rexistro". Así, continuou, "cunha media de dez entradas neste rexistro e coa intención de optimizar os recursos e o persoal deste Concello, considerouse axeitado realizar o traslado ao Cersia, co obxectivo de ofrecer o servizo de rexistro correctamente e sen mingua para os outros rexistros".

"Este traslado é o primeiro paso cara a creación da xanela única empresarial", indicou Paula Prado. O obxectivo municipal é que, nesta xanela, "as empresas da cidade poidan facer todos os seus trámites habituais nun único punto, coa conseguinte redución de custos para as empresas, evitando desprazamentos a diferentes lugares, e cun aforro do tempo que agora se ten que dedicar a ir dun sitio para outro entregando papeis". "A nosa intención é que esta xanela se sitúe no Cersia, edificio que estamos poñendo en valor e que pretendemos converter nun verdadeiro elemento dinamizador da economía da cidade, a través do apoio ás empresas e aos emprendedores", apuntou.

Igualmente a proposta da concelleira de Persoal, rexeitouse o recurso previo á vía laboral pola tramitación do despido da que fora directora da UMAD, Pilar Bermejo. Tamén se adxudicaron, por 21.575 euros, dúas edicións dun curso de rescate en espazos confinados destinado ao corpo de Bombeiros. Este curso ofrecerá formación específica para atender situacións de emerxencia que se puideran xerar en túneles como o do Hórreo ou os da alta velocidade ferroviaria.

Iluminación de Nadal
Por urxencia, iniciouse o procedemento para o arrendamento da iluminación de Nadal, á que se destinarán 70.257 euros. Segundo indicou a voceira da Xunta de Goberno, o alumeado estará aceso do 17 de decembro ao 6 de xaneiro, dende as 18:00 ás 02:00 horas, salvo os días 24 e 25 de decembro e 5 de xaneiro, que permanecerá aceso ata o amencer.

Medio Rural
Outro dos asuntos tratados foi a aprobación de novas actuacións de limpeza e desbroces en parroquias do rural. Investiranse 56.682 euros nos traballos que se realizarán, entre outras, nas parroquias de Villestro, Laraño, O Eixo, Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Lavacolla e Busto.

Benestar Social
Na área de Benestar Social, aprobouse a contratación do programa de prevención de drogodependencias O cannabis, ¿que teño que saber?, por un importe de 12.744 euros. Ademais, deuse conta da concesión de dúas subvencións pola Consellería de Traballo e Benestar: unha, de 215.979 euros, destinarase a servizos sociais comunitarios; e outra, de 47.305 euros, dedicarase á prestación básica de axuda no fogar.

Rehabilitación
A proposta da concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, aprobáronse definitivamente as axudas para vivendas da área de rehabilitación integral do Casco Histórico incluídas na 10ª fase do convenio nesta materia asinado por Concello, Ministerio de Fomento e Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). O importe das axudas, con cargo á anualidade 2011, é de 56.965 euros.

Centros socioculturais
No ámbito de Centros Socioculturais, prorrogouse o contrato de alugueiro do local situado na rúa Santa Cristina, 22, que é utilizado polo Concello como Centro Sociocultural do Casco Histórico. As partes acordaron non revisar o IPC para o 2012, polo que o custe mensual do alugueiro non se incrementará neste ano, manténdose en 930,17 euros ao mes.

Deportes
O Goberno local tamén deu o visto bo a tres convenios na área de Deportes. O primeiro, co Lobelle de Santiago, alcanza o importe de 115.241 euros. O segundo, coa Fundación Compostela Deporte, contempla 29.750 euros para axudar nos gastos de funcionamento da mesma, entendendo estes gastos como os relativos aos derivados das diferentes actividades programadas en 2011. O terceiro dos acordos, por 10.200 euros, beneficiará ao Club Triatlón Bricosa, seguindo a liña de colaboración que se vén mantendo entre o Concello e este club.

Ademais, aprobouse a concesión de subvencións para o deporte federado, por importe de 207.599 euros.

Urbanismo
No eido urbanístico, procedeuse á recepción das obras do SUNP-14 de Tras Paxonal. Neste sentido, a edil anunciou que en vindeiros días se vai proceder á entrega das vivendas de realoxo deste polígono residencial.

Tráfico
En materia de Tráfico, a Xunta de Goberno autorizou a fusión por absorción da empresa Metropark Aparcamientos SAU (da UTE Choupana), á vista do escrito presentado por Interparking Hispania, concesionaria actualmente do estacionamento da praza de Galicia. A empresa absorbida é a adxudicataria da explotación do aparcadoiro subterráneo da Choupana. En ningún caso se modifican as condicións de adxudicación dos dous estacionamentos.

Mercados
Finalmente, aprobouse a renovación de licenzas de venda ambulante para o ano 2012 na explanada de Salgueiriños. A propósito desta superficie, Paula Prado indicou que o Goberno municipal está traballando na modificación da ordenanza, co fin de facilitar a venda doutros produtos e a instalación de máis dun posto por familia.

Documentos relacionados



Compartir: