MOBILIDADE

Cambios no tráfico e novas paradas do autobús urbano no barrio de Meixonfrío

11/11/2011 O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Albino Vázquez, anunciou a conversión a sentido único de dúas rúas do barrio de Meixonfrío e a implantación de dúas novas paradas do autobús urbano e o traslado doutras dúas. Estas medidas responden ás demandas dos veciños e permitirán mellorar a mobilidade nesta área da cidade.

O primeiro dos cambios consistirá en dotar dun único sentido –ata agora tiña dobre dirección- a rúa de Meixonfrío, pola que agora só se poderá circular en dirección ao polígono do Tambre. Albino Vázquez xustificou esta medida pola estreitez desta rúa, que nalgúns tramos facía imposible o dobre sentido e mesmo supoñía un problema de seguridade.

Unicamente se manterá o dobre sentido no pequeno canellón que une o devandito vieiro coa rúa do Tambre. As paradas do transporte público desta zona non sufren variacións.

Sentido único para a rúa da Queimada
A outra modificación afecta á rúa da Queimada que tamén queda con sentido único, en dirección ao Cruceiro da Coruña. Tanto a rúa dos Salgueiriños de Abaixo como a de Mallou manteñen o seu dobre sentido habitual. Este cambio estará acompañado da incorporación de dúas novas paradas do autobús urbano e o traslado doutras dúas, que evitarán o solapamento de dúas liñas e mellorarán os tempos e a accesibilidade ao servizo.

A rúa da Queimada terá dúas novas paradas, á altura dos números 15 e 69, evitando os desprazamentos que agora debían realizar os usuarios ata a parada máis próxima. No caso da rúa de Mallou trasládanse dúas paradas, unha á confluencia coa rúa da Fonte de Mallou e a outra ao punto onde comeza a beirarrúa.

Estas dúas modificacións levaranse á práctica en canto se complete a sinalización horizontal e vertical, prevista para a vindeira semana se a climatoloxía o permite.

O edil enmarcou estas medidas na liña de reunións que está a manter coas asociacións veciñais para coñecer as súas demandas en materia de tráfico e mobilidade e na implantación progresiva das directrices do Plan de Mobilidade. Neste sentido, recordou pequenos axustes de sinalización realizados esta semana en San Lourenzo ou algunha próxima mellora en Pontepedriña.

Documentos relacionados



Compartir: