INFRAESTRUTURAS

A concelleira de Infraestruturas transmite á Xunta de Galicia as demandas veciñais respecto á variante de Aradas

08/11/2011 A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, María Castelao, reuniuse coa directora xeral de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez. No encontro transmitiulle as demandas veciñais respecto á variante de Aradas, en especial as relativas ás melloras na mobilidade peonil.

María Castelao atopou receptividade na directora xeral, quen se comprometeu a presentar unha proposta de mobilidade peonil para todo o ámbito da variante de Aradas. A edil comentoulle as necesidades neste sentido, especialmente nos núcleos do Romaño e dos Vilares. Tamén falaron de melloras en cuestións como o tráfico, os pasos inferiores ou as entradas ás fincas.

A variante de Aradas é un proxecto, enmarcado no plan Move, que permitirá o acceso dende a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, desviando un gran volume de tráfico que agora circula polo barrio de Vite. A intervención contempla a construción dun viaduto á altura do río Sarela, así como un carril para vehículos lentos na marxe dereita.

O vieiro terá unha lonxitude de 1,6 quilómetros e suporá unha importante mellora tanto no tráfico como na seguridade viaria. Así, os traballos oriéntanse, por unha parte, a melloras nos accesos radiais, completando a circunvalación da cidade e, por outra, á mellora da funcionalidade distribuidora do viario interior.

Compartir: