XUNTA DE GOBERNO

Convenio coa Xefatura de Tráfico para facilitar que os novos empadroados paguen o imposto de vehículos en Santiago

07/11/2011 A Xunta de Goberno aprobou na súa sesión ordinaria un convenio entre o Concello e a Xefatura Provincial de Tráfico para facilitar o correcto pago do imposto de vehículos dos novos empadroados. Ademais, adxudicouse a obra de mellora da mobilidade no entorno da nova escola infantil de Salgueiriños.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, o convenio asinado coa Xefatura Provincial de Tráfico facilitará que os datos dos vehículos propiedade dos novos empadroados pasen ás bases de datos do Concello de Santiago. Deste xeito, pagarán o imposto sobre vehículos de tracción mecánica onde deben facelo.

Xa en materia educativa, adxudicouse a obra de mellora de mobilidade e a accesibilidade á escola infantil de Salgueiriños, incluída no Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O importe desta actuación é de 19.652 euros.

A propósito desta escola infantil, Paula Prado indicou que o Concello está a estudar cal será finalmente o modelo de xestión elixido. Unha opción é a cesión ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, se ben considerou máis probable que se elixa a xestión propia municipal a través dunha concesión. Sobre esta alternativa estase traballando, engadiu.

Centros Socioculturais
En materia de Centros Socioculturais, aprobouse a prórroga por un ano, ata o 15 de xullo de 2012, do contrato de aluguer do local situado no número 19 da calzada das Cancelas, que vén funcionando como centro sociocultural. Neste punto, a voceira da Xunta de Goberno explicou que o Concello pactou co propietario non revisar o IPC durante esta prórroga, polo que o prezo do aluguer non sofre variación.

Tamén se prorrogou por un ano o aluguer do local situado na rúa Fraguas, 37, que o Concello utiliza como centro sociocultural no barrio de San Pedro. Ao igual que no ac a prórroga anterior non haberá revisión do IPC.

No ámbito do mesmo departamento, deuse conta do segundo pago da subvención da Deputación da Coruña para financiar o sostemento de catro centros socioculturais do rural durante 2010. O pago é de 56.000 euros do total da subvención, que ascende a 140.000 euros.

Deportes
A proposta do concelleiro de Deportes, concedeuse á Federación Galega de Baloncesto o uso dos polideportivos de Vite e Lorenzo de la Torre para a práctica do minibásquet na temporada 2011/2012. A FGB tamén poderá organizar outras actividades nestes recintos.

Do mesmo xeito, concedeuse o uso de diversos pavillóns municipais e campos de fútbol durante a tempada 2011/2012 á Asociación de Deportistas Veteranos, para as diferentes actividades que realizarán no devandito período.

Benestar Social
Na sesión ordinaria tamén se deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación Provincial da Coruña para facilitar os procesos de erradicación do chabolismo ou infravivenda. Para cofinanciar o custo das retribucións do persoal dos equipos a Deputación achega 30.000 euros.

Turismo
Outro dos convenios asinados coa Deputación Coruñesa é o relativo a financiamento do Plan de Competitividade Turística. A Xunta de Goberno tomou coñecemento do acordo para esta iniciativa, que contén programas de calidade, promoción de actividades e produtos, e publicacións, entre outros. Contará cun financiamento de 437.500 euros, dos que a Deputación achegará 350.000.

Normalización Lingüística
O Goberno local ratificou igualmente a solicitude de adhesión á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. O representante político neste órgano será o concelleiro de Educación e Normalización Lingüística, e a representante técnica do Concello será a técnica de Normalización Lingüística.

Comercio
Por urxencia, aprobouse a convocatoria de Nadal do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping, que premia a orixinalidade, ambientación e eficacia comunicativa dos escaparates e locais comerciais. Haberá un premio de 3.653 euros para primeiro clasificado, outro de 2.892 euros para o segundo e un de 1.779 euros para o terceiro.

Finalmente, deuse o visto bo á reprogramación do proxecto Park Altantic, consistente na organización de horas de traballo dos funcionarios municipais.

Documentos relacionados



Compartir: