REHABILITACIÓN E CASCO HISTÓRICO

Santiago será modelo de rehabilitación urbana en Buenos Aires

10/03/2006 Representantes municipais acompañarán ao presidente da Xunta para amosar a transformación da cidade nos últimos vinte anos.

A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, e responsábeis da Oficina Municipal de Conservación e Rehabilitación da Cidade Histórica (OCiHR) e da Oficina Técnica do Consorcio da Cidade de Santiago, formarán parte da delegación institucional encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, na súa primeira viaxe oficial a Buenos Aires, entre os días 10 e 15 de marzo.

Así, Santiago de Compostela, a través da OCiHR e do Consorcio da Cidade estará presente nun stand do recinto feiral La Rural, dentro da exposición GALICIAune, como cidade de referencia dentro dunha Galicia moderna e proxectada cara o exterior que o presidente da Xunta e a delegación institucional e empresarial que o acompañan queren amosar.

No stand de Santiago achegarase material coa historia da transformación urbana da nosa cidade durante os últimos vinte anos, co obxectivo de dar a coñecer o modelo de rehabilitación urbana que Galicia pode exportar. Ademais, Mercedes Rosón, acompañada polo arquitecto responsábel da Oficina Municipal de Conservación e Rehabilitación da Cidade Histórica, Javier Fernández; o director da Oficina Técnica do Consorcio da Cidade de Santiago, Ángel Panero e a arquitecto técnico municipal da OCiHR, Irene Cervera, participarán en diversas reunións e coloquios con importantes profesionais do urbanismo, da arquitectura e do planeamento arxentino a un alto nivel.

Santiago de Compostela, declarada Cidade Histórica Patrimonio Mundial en 1985 e Primeiro Itinerario Cultural Europeo do Camiño de Santiago en 1987, entre outros recoñecementos, e a súa política de renovación urbana, convertiuse nos últimos vinte anos nun referente nacional e internacional, ao mobilizar e integrar vontades e accións arredor dun proxecto de recuperación de cidade habitábel, de encontro e de cultura. A implicación neste proxecto urbano de todas as administracións públicas, axentes privados e institucionais múltiples fixo posíbel o desenvolvemento de fórmulas anovadoras de coperación que permitiron unha eficaz execución da planificación urbanística.

A nosa cidade presentarase baixo o lema "Santiago de Compostela: ciudad invisible", que fai referencia ao concepto que Italo Calvino empregou no seu libro "As Cidades Invisíbeis" para evocar non só a idea atemporal da cidade senón tamén ao desenvolvemento dunha discusión sobre a cidade moderna. Para el "as cidades son un conxunto de moitas cousas: memorias, desexos, signos dunha linguaxe; son lugares de troco como explican todos os libros de historia da economía, pero estes trocos non son só de mercadorías, son tamén trocos de palabras, de desexos, de lembranzas…".

Compartir: