NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Convócase o Premio Manuel Beiras, que recoñece o esforzo normalizador de empresas da cidade no uso da lingua galega

04/11/2011 A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago de Compostela presentaron a décimosegunda edición do Premio Manuel Beiras. No acto estiveron presentes o presidente da Cámara, Jesús Asorey; e o concelleiro de Cultura, Ángel Currás; ademais da secretaria xeral da Cámara, Filomena Casal, e o adxunto Fernando Barros. Este premio, organizado nesta ocasión pola entidade cameral, trata de recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.

O presidente da Cámara sinalou que o premio ten un carácter simbólico e non supón ningunha retribución económica, "simplemente o orgullo de recibir esta distinción por usar o galego na actividade comercial e empresarial de forma habitual e natural".

"Tanto o Concello como a Cámara de Comercio valoramos dun xeito especial a implicación de comerciantes e empresarios no proceso de normalización da lingua propia do país. Desexamos manter vivo o alento do noso idioma. Para a Cámara é unha acción de carácter cultural que nos vencella con todos os cidadáns de Compostela. Ademais, animamos ás empresas a participar nesta festa da lingua galega" –destacou Asorey.

Pola súa parte, Ángel Curras indicou que o galardón é un acontecemento importante que premia o esforzo das empresas compostelás por normalizar o uso da lingua galega nos seus establecementos e actividades de promoción. "Esta distinción, que se suma ao labor dos premios de Publicidade en Galego que cada ano convoca o Consello Asesor de CRTVG e RTVE en Galicia, serve para reforzar a Lei de Normalización Lingüística de Galicia" –explicou Currás.

Escultura de Acisclo Manzano
A distinción consiste nunha escultura creada por Acisclo Manzano que se lles entregará ás empresas galardoadas nun acto que se celebrará na Cámara o vindeiro 15 de decembro. As empresas que desexen participar nesta edición teñen de prazo ata o próximo 30 de novembro para presentar a súa documentación.

Durante os primeiros días de decembro celebraranse as reunións do xurado (1 e 14 de decembro), composto por tres representantes das empresas distinguidas en 2010, un representante do Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a USC, unha asociación en defensa da lingua e do Colexio Oficial de Xornalistas.

As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade. As empresas que optan a este galardón son todas as que estean implantadas no municipio de Santiago.

As firmas que desexen participar teñen que presentar unha proposta cubrindo un formulario que poden recoller na Cámara de Comercio ou na Oficina de Atención ao Público do Concello e nas súas respectivas webs (www.camaracompostela.com/ www.santiagodecompostela.gal).

Deben incluír tamén documentación que demostre o emprego do galego nas actividades da empresa ou comercio. As categorías do premio son: empresas que veñan realizando un uso continuado do galego e aquelas empresas que se incorporaran recentemente ao seu uso. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade pola súa contribución á loita da normalización da lingua galega no mundo empresarial.

O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Os galardoados na edición pasada foron: na categoría de nova incorporación, o gabinete Novi Ius Avogados; na categoría de empresas cun uso continuado do galego, o restaurante O Dezaseis; e con distinción especial, Atlántica de Información e Comunicación de Galicia.

Compartir: