CULTURA

Aitana Sánchez-Gijón e Jorge Drexler, premios Cineuropa na súa XXV edición

04/11/2011 O festival comeza o 9 de novembro e ofrecerá máis de 150 filmes ata o 2 de decembro en diferentes seccións como vén sendo habitual. As entradas están xa á venta na web http://entradas.novacaixagalicia.es ou no 902 43 44 43 e desde o primeiro día do Festival tamén se poderán mercar no Teatro Principal. A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o día 11 un concerto especial no Auditorio de Galicia con música de Shostakovich sobre imaxes de "A Nova Babilonia". O concerto será de balde, ao igual que as galas, previa retirada de entradas no Principal

Cineuropa celebra de xeito moi especial o seu 25º aniversario: unha gala de inauguración na que Aitana Sánchez-Gijón recibirá o Premio Cineuropa no Teatro Principal o próximo mércores, 9 de novembro. A cerimonia estará presentada pola actriz galega María Vázquez e irá acompañada do rescate dun filme de Gonzalo Suárez protagonizado por Sánchez-Gijón, "Oviedo Express", que Cineuropa quere reivindicar como unha das mellores comedias españolas da última década. A programación especial desta XXV edición ofrecerá tamén dous concertos con marchamo cinéfilo, un a cargo de Jorge Drexler, gañador de un Óscar e un Goya pola súa música para a gran pantalla, que o día 15 recibirá o segundo premio especial do certame; e un segundo concerto, o que acompañará a proxección do filme soviético "A Nova Babilonia", coa interpretación en vivo pola Real Filharmonía da partitura que Shostakovich compuxo para o mítico filme mudo. A programación ao completo foi presentada esta mañá polo alcalde da cidade, Xerardo Conde Roa; o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director do Festival, José Luis Losa.

Máis de 150 películas proxectaránse nas diferentes seccións do festival, que comeza o 9 de novembro e conclúe o 2 de decembro. Como epicentro de cada ano a sección oficial, onde competirá o mellor do cinema europeo que convulsionou os festivais de Cannes, Berlín ou Venecia. Presencias como a do húngaro Bela Tarr, con "O cabalo de Turin" (Oso de Prata en Berlín); a británica "Tiranosaurio", premiada en Sundance; as francesas "The artist", de Michael Hazanevicius, "Hors Satan", de Bruno Dumont e "L’Apollonide", de Bertrand Bonello, celebradas en Cannes; e a última peza mestra de Aleksandr Sokurov, "Fausto", recente León de Ouro en Venecia, postúlanse como pratos fortes dentro dun programa onde convivirán coa iconoclasta "Attack the block", a revelación do cine fantástico da temporada, triunfadora en Locarno e Sitges coa súa accidentada invasión de alieníxenas nun barrio marxinal de Londres ou coa esperadísima "Le Havre", de Aki Kaurismaki.

A sección oficial terá tamén espazo para catro nomes esenciais na historia de Cineuropa: os do británico Ken Loach, con "Route Irish"; o marsellés Robert Guédiguian, con "As neves do Kilimanxaro" recente Espiga de Prata na Seminci; e os irmáns Dardenne, cineastas belgas, Gran Premio do Xurado en Cannes con "O chico da bicicleta".

Outros tres valores fixos do festival non faltan á cita de novembro en Compostela: o chinés Zhang Yimou e "Amor baixo a árbore de espiño"; o xaponés, Kirokazu Kore-Eda, premiado en San Sebastián por "Milagre"; e o mexicano Arturo Ripstein e "As razóns do corazón". Tamén de México procede unha das "películas-acontecemento" do ano, "Miss Bala", de Gerardo Naranjo. O mellor cine arxentino chega coa sección "Bos Aires Connection", que exhibirá as internacionalmente premiadas, "Yatasto" e "O estudante", ademais de títulos como "Novias", "Velódromo" e "Música campesiña".

A programación máis candente de Cineuropa porá o seu foco sobre dous dos autores que deron que falar na actual temporada: a francesa Valerié Donzelli, da que se proxectarán "A raíña das mazás" e "A guerra está declarada" (a sensación este ano da Semana da Crítica) e o realizador xaponés Shion Sono, sen dúbida o nome máis transgresor e libérrimo do panorama internacional. De Sono poderanse ver "Guilty of Romance", considerado o filme máis impactante de Cannes, "Cold Fish", e "Love Exposures".

O festival acollerá ademais o rexurdimento ao grande de dous ilustres veteranos, o polaco Jerzy Skolimovski, con "Essential killing", e o máis independente dos realizadores norteamericanos, o inclaudicábel Monte Hellman, asinante de "Road to Nowhere".

25 anos de cine
Outro ciclo especial realizará un travelling polo que foron estes 25 anos de Cineuropa, a través da obra dunha decena de autores referenciais, como Theo Angelopoulos, Emir Kusturica, Claude Chabrol, Michael Haneke, Jacques Rivette, Mike Leigh ou Lars Von Trier.

O programa inclúe outras dúas amplas retrospectivas: unha, centrada nos cineastas da Escola de Berlín, que voltearon o cine alemán trala caída do Muro; e a outra, que trata de dar a coñecer a obra de Andres Veiel, autor singular polo seu achegamento sen ambaxes á realidade política e social europea, recoñecido na Berlinale deste ano por "If not us, who?", que culminará o ciclo a el dedicado.

Primicias absolutas e audiovisual galego
Dúas figuras colosais do cine norteamericano están detrás de senllas películas que terán neste XXV Cineuropa a súa premiere: Robert Redford, que dirixe "The conspirator", e Robert De Niro, que protagoniza xunto a un sensacional Clive Owen o thriller bizarro "The Killer Elite".

De Niro estará tamén nunha sesión cinéfila moi especial, a volta á pantalla grande, en copia restaurada, da versión íntegra da "ópera magna" de Sergio Leone "Érase unha vez en América". E no mesmo terreo da cinefilia inscríbese a homenaxe que o festival brindará ao recentemente desaparecido Raúl Ruíz e á súa colosal obra testamentaria "Misterios de Lisboa".

A sección "Doc-Music: Todo sobre Elvis" é unha amplísima recolección de concertos, entrevistas e películas de ficción de Presley, que culminarán cun "maratón Elvis Presley" o día 26 de novembro.

O cine documental contará coa presencia en Compostela dalgúns dos máis relevantes autores do xénero, que celebrarán coloquios co público tras as proxeccións: entre eles, o arxentino Alberto Yaccelini e o seu achegamento ao nazismo en "O fabricante de cepillos"; o austríaco Günter Schwaiger, con "Ibiza Occident"; Adán Aliaga, na súa cuarta presencia en Cineuropa, esta vez coa coprodución galega "A muller do eternauta"; e Mércedes Álvarez, a autora de "O ceo xira", coa súa nova película, "Mercado de futuros".

Cineuropa 2011
Tamén de carácter documental é a produción galega que foi este ano seleccionada para o prestixioso FID de Marsella, "Vikingland", que contará na súa estrea coa presencia do seu autor, Xurxo Chirro. E rango de estrea ofrece tamén a versión xenuína de "Contra Morte", o persoal achegamento á figura do poeta Lois Pereiro que asinan Iago Martínez e Alexandre Cancelo.

A sección Panorama Galicia volverase volcar cos autores máis arriscados na súa creatividade: algúns xa familiares para o público do festival, como Ángel Santos, Marcos Nine, Lois Patiño, Alberte Pagán ou Peque Varela. Outros, como Sonia Méndez, Xacio Baño, Otto Roca, Antón Caeiro, Borja Mucientes, Senem Outeiro , Alberto Gracia, Uqui Permui, Carlos Meixide ou Tomás Lijó terán por primeira vez en Cineuropa sesións especiais adicadas á súa mirada.

María Vázquez, a mestra de cerimonias que abrirá o telón desta XXV edición, xogará como en "A rosa púrpura do Cairo", dentro e fóra da pantalla do Principal. Ela será tamén a protagonista de "Outro máis", historia de amor con fondo social dirixida por Ricardo Llovo.

Cine español na sección oficial
O cine español ten tamén presencia na sección oficial con dúas películas de perspectiva ben diversa: unha, a de Isaki Lacuesta, quen con "Os pasos dobres" aposta por romper os moldes da narrativa tradicional e aventúrase nun viaxe que xoga con dobres ficcións, xogos especulares, lendas, guiños á xéneros tan diversos como o western ou o documental e que finalmente, se fixo co máximo galardón no festival de San Sebastián do pasado setembro, a Cuncha de Ouro. A outra proposta é dunha realizadora debutante, Paula Ortiz, quen, non obstante, cínguese á ortodoxia do drama nun filme cuxa intensidade capitaliza Maribel Verdú, unha historia de tres mulleres que lle valeu á súa directora na Seminci o Premio Pilar Miró á mellor ópera prima.

Compartir: