EDUCACIÓN

A Alameda acolle unha exposición sobre a cultura rural e o desenvolvemento sostible

04/11/2011 Do 4 de novembro ao 2 de decembro de 2011 pode verse na Alameda de Santiago a exposición Atalantar: da cultura rural ao desenvolvemento sostible, organizada por Lunwerg Editores, en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural, Medio Mariño e o Concello de Santiago, a través do Departamento de Educación. O acto de inauguración estivo presidido polo concelleiro Ángel Currás e por Joaquim Corbera, da Editorial Lunwerg, e nel participaron escolares do CEIP López Ferreiro, IES Rosalía de Castro e do centro de estudos FESAN.

Esta exposición, que leva por título Atalantar: da cultura rural ao desenvolvemento sostible, está itinerando polos principais parques urbanos de cidades como Valencia (Parque das Ciencias), Madrid (Xardín Botánico), ou Granada (Alhambra). A mostra, ideada e comisariada polo naturalista Joaquín Araújo, estrutúrase en catro bloques: "Una portentosa fuerza creadora", "Creadores de Cultura", "¿Está derrotada la cultura rural?" e " Hacia una cultura atalantadora.".

Está composta por unha selección de imaxes realizadas por prestixiosos fotógrafos, como Xurxo Lobato, José Antonio Martínez, Ángel Araújo, entre outros, nos que se propón un percorrido visual para concienciar á cidadanía sobre a importancia do medio rural na sociedade actual.

Concebida como un recurso didáctico máis a disposición dos centros educativos de Compostela, esta exposición nace coa vontade de achegar a cultura rural polo que se propón un percorrido, a través da imaxe e da palabra, polo desenvolvemento sostible. Súmase ao recoñecemento daquelas persoas que fixeron da súa relación coa terra un modo de vida e tamén a constatación dunha realidade emerxente que se adapta aos novos tempos.

Documentos relacionados



Compartir: