CULTURA

Zuzana Lapcíková Quinteto presenta mañá a nivel mundial o seu último traballo dentro do festival ‘Soños de Chequia’

03/11/2011 A República Checa será a protagonista desta fin de semana en Compostela. O programa ‘Soños de Chequia’ traerá o mellor da cultura checa á nosa cidade a través de concertos, jam sessions, cata de produtos, cinema e exposicións. Así, mañá na primeira xornada do festival, Zuzana Lapcíková Quinteto, que debuta en España, presenta, a nivel mundial, o seu último traballo, que sairá á venda a semana que vén. Será ás 21.00h no Teatro Principal e algúns dos membros do Quinteto estarán tamén a partir das 23.00h. con Felipe Villar Trío na Jam Session do Dado Dada.

Na xornada de mañá, ademais, inaugúrase a exposición do fotógrafo Jiri Vsetecka, ‘Praga, cidade da música’ Será ás 19.00h. no Museo do Pobo Galego. Xa nas xornadas de sábado e domingo teremos moitas máis actividades como unha degustación de viños checos na Praza de Abastos sábado a partir das 13.30h ou, para os máis pequenos, a proxección do filme ‘As aventuras da pequena toupa’ o sábado ás 12.30 e o domingo ás 17.00h no Principal.

O programa está organizado polo Ministerio de Cultura checo, o Concello de Santiago e o Consorcio da cidade e conta coa colaboración da Embaixada da República Checa en España e o Centro Checo de Madrid. Así, acompañando á delegación de artistas checos estarán en Compostela o embaixador da República Checa en España, Karel Beran, e a directora do centro checo en Madrid, Vera Zátopková. As entradas para os espectáculos, que levan xa varios días á venda en Novagalicia Banco, poden mercarse tamén a na billeteira do Teatro Principal.

A que chega a Compostela é xa a terceira edición deste proxecto cultural europeo ‘Czech Dreams’ (‘Soños de Chequia’) que ten entre os seus obxectivos a presentación dos principais artistas e músicos checos polo mundo así como o apoio á cooperación entre as cidades checas e doutros países de Europa, e establecer ou fortalecer as relacións entre as institucións culturais e educativas checas cos seus colegas europeos. Nesta edición estarán en 100 vilas e cidades de 19 países diferentes sendo Compostela a primeira cidade de España na que participan.

A selección de concertos realizada para esta especial fin de semana de cultura checa en Santiago de Compostela é sen dúbida unha das presentacións máis amplas e variadas realizada por ‘Czech Dreams’ nesta edición de 2011. Ademais dos catro concertos principais nos que se poderá escoitar música clásica, jazz, música sacra, música popular ou swing interpretada por algúns dos máis reputados artistas checos, haberá outras actividades paralelas sobre cine (incluído cine para nenos), exposicións, jam sessions e mesmo a degustación de viños checos.

O programa ten como prato forte a música. Inaugurase mañá no Principal cun concerto do Zuzana Lapcíková Quinteto baixo o nome ‘A fusión do jazz e a música popular morava’ e a partir das 23.00h, no Dado Dada haberá Jam Session con Felipe Villar Trío que farán de anfitrións e estarán acompañados por algúns membros do Quinteto Lapcíková. O sábado, na Igrexa da Universidade, teremos un concerto de música sacra co Collegium 1704 e o Collegium Vocale 1704 ás 19.00h e, xa ás 21.00h, de novo no Teatro principal, concerto con Ondrej Havelka & his Melody Makers baixo o nome ‘Swing e jazz, Rapsody in blue’ onde estará Karel Kosárek ao piano.

A partir das 23.00h de novo haberá Jam Session no Dado Dada con Felipe Villar Trío que nesta ocasión estarán acompañados por membros dos Melody Makers. O domingo pecharase o programa cun concerto de novo de Kosárek baixo o nome ‘O piano, Chequia e Bohemia’ ás 13.00h na Igrexa da Universidade.

Pero non só haberá música xa que a mostra trae o mellor de Chequia en diversas disciplinas. Así, o venres ás 19.00h inaugurarase no Museo do Pobo Galego a mostra do fotógrafo Jiri Vsetecka, ‘Praga, cidade da música’, que poderá verse durante toda a fin de semana. E o Teatro Principal, será o lugar onde poderemos gozar da proxección, sábado e domingo en dúas sesión cada día, de ‘Eu servín ao rei de Inglaterra’ de Jiri Menzel e ‘As aventuras da pequena toupa’ de Zdenek Miller, esta ultima para os máis pequenos da casa,

Por último, contaremos cunha degustación de viños checos o sábado 5 de novembro onde os anfitrións, Abastos 2.0, acompañaran con diversas tapas. Todo aderezado pola música de Cimbalon Musik os Antonin Stehlik. Propostas variadas e para todos os gustos que traen o mellor da cultura checa á nosa cidade durante tres días.

Entradas xa á venta
As entradas están xa á venta na web de Novagalicia Banco así como no seu número de teléfono para venta de entradas, 902 434 443. Ademais, desde hoxe, xoves 3 de novembro poderán mercarse na billeteira do Teatro Principal en horario de 12.30 a 14.00h e de 18.00 a 21.00h.

Os prezos son de 8€ (4€ a reducida, para menores de 25 anos e xubilados) as entradas para o Teatro Principal; 6€ (3€ a reducida) para a Igrexa da Universidade no concerto do domingo mentras que para o concerto do sábado a entrada será de balde previa recollida de convite na billeteira do Teatro Principal; e 3€ (1,5€ reducida) para as proxeccións de cinema. A entrada á exposición tamén será de balde.

Compartir: