TURISMO

Incolsa considera fundamental a promoción internacional do aeroporto para o desenvolvemento turístico da cidade

03/11/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, explicou aos membros do grupo de traballo "Turismo de Santiago" que dende Incolsa se considera fundamental a promoción da nova terminal do aeroporto de Lavacolla para o desenvolvemento turístico de Santiago, especialmente cara os mercados internacionais.

Na reunión participaron representantes das entidades que compoñen o grupo de traballo: a xerente de Incolsa, Maruxa Ledo, xunto con técnicos da empresa municipal; o director do aeroporto en representación de AENA, Luis Rey; o responsable de comunicación da Asociación de Hostelería, Aser Álvarez, o director do Hotel Puerta del Camino tamén en representación de Hostelería, Arturo Cuenllas; a secretaria xeral da Cámara, Filomena Casal, e o secretario xeral adxunto da Cámara, Fernando Barros.

O grupo de traballo "Turismo de Santiago", impulsado polo Concello, constituiuse o pasado 6 de outubro, cun dobre obxectivo: por unha banda aumentar o turismo en Santiago, incrementando o número de pernoctacións, a estadía media dos turistas e o seu gasto, contribuindo así o sector aínda en maior medida á dinamización económica de Compostela; por outra banda fomentar a calidade en todos os servizos turísticos que se prestan na cidade, de tal xeito que sexa un dos valores prioritarios do sector que garanta a sustentabilidade de Santiago coma destino turístico de referencia nun mercado cada vez máis competitivo.

Esta segunda reunión tiña como obxectivo que os compoñentes do grupo de traballo tiveran un coñecemento preciso do modelo de funcionamento de Incolsa, que cada vez ten que estar máis focalizado na captación de recursos propios e menos dependente dos apoios das administracións, das actividades que está a levar cabo neste ano e das liñas de acción que vai seguir no vindeiro.

Incolsa fixo tamén unha análise dos diferentes mercados turísticos de Santiago, que amosa tanto a capacidade de atracción da cidade como o seu potencial de crecemento, especialmente no turismo internacional. A análise distingue entre mercados prioritarios e aqueles a desenvolver. No mercado español considéranse prioritarios Madrid, Cataluña, País Vasco e Comunidad Valenciana, estando as demais Comunidades na categoría de a desenvolver.

No mercado europeo son prioritarios Francia, Italia, Alemaña, Gran Bretaña, Irlanda, Suiza e Austria e a desenvolver Benelux, Países Nórdicos e Rusia. E no mercado global son prioritarios EEUU, Canada, Brasil, México, Arxentina, Xapón, Corea do Sur e Singapur, e a desenvolver China, India e Filipinas.

No 2011, Incolsa, pese aos recortes orzamentarios lóxicos neste momento de crise económica e aproveitando ao máximo os recursos existentes, está desenvolvendo unha importante acción promocional que permite que a cidade teña presenza nos seus principais mercados, así como nalgúns novos mercados cun gran potencial. Cabe destacar que en todas as accións de promoción faise especial referencia á nova terminal de Lavacolla como infraestructura cun gran potencial.

No programa de promoción deste ano de Incolsa inclúense a presenza en seis feiras, tres xeralistas (Fitur, ITB Berlín e WTM Londres) e tres especificamente do sector congresual, que se considera fundamental para a cidade (Fitur Congresos, Imex Frankfurt e EIBTM Barcelona). Participou en oito presstrips ou viaxes de xornalisitas de países como Reino Unido, Holanda, Finlandia, Australia ou China. Tamén participou en famtrips ou viaxes de familiarización de Estados Unidos, Xapón e Nova Zelanda.

Incolsa está participando no 2011 en múltiples actividades a través das diferentes redes e asociacións das que forma parte: Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, Spiritual Pilmigrage (Camiño de Santiago – Kumano Kodo), Rede de Destinos Gastronómicos e Saborea España, Cidades Santas Patrimonio da Humanidade, European Cities Marketing, Cidades do Camiño de Santiago, Proxecto Certo.
A través destas redes, Santiago estivo presente en xornadas de comercialización directa en París, Madrid, Lisboa e Bruselas. Tamén estivo en xornadas de promoción en mercados emerxentes como India, China, Turquía ou México. Participou en dous Roadshow, un en Alemaña pasando por Dresden, Nuremberg e Frankfurt, e outro en Italia, pasando por Bérgamo, Verona, Bolonia, Florencia, Pisa e Nápoles. Houbo tamén dúas presentacións en mercados lonxanos, Corea do Sur e Brasil.

Ademais, ata o 31 de outubro, o servizo de información turística de Incolsa atendeu 179.084 consultas presenciais, 90.097 de turismo doméstico e 88.987 de turismo internacional. Neste ano estanse elaborando unha nova Guía para o sector de congresos, un novo folleto sobre a Catedral e unha publicación turística infantil, pensada especialmente para potenciar turismo familiar, que se sumarán as múltiples publicacións que ten Incolsa, ademais dos recursos propios en Internet, como a súa páxina web e a aplicación da mesma para iphone, ipad e ipod, desenvolta neste ano e a cal se sumará en breve unha versión para Android.

Compartir: