EDUCACIÓN

270 familias solicitaron participar en Nadalxogo 2011

03/11/2011 O concelleiro de Educación, Ángel Currás, unha vez rematado o tempo para a preinscrición no programa Nadalxogo, fixo balance das cifras acadadas. O prazo para a matrícula definitiva sera do 11 ao 18 deste mes.

270 nenos e nenas participarán nesta nova edición de Nadalxogo. Deles, 129 solicitaron as actividades do Pío XII, 74 optaron polo CEIP Fontiñas, e 67 pediron praza no colexio Ramón Cabanillas. O 46% das solicitudes correspóndense con nenos de 3 a 5 anos e o 53% son rapaces de 5 a 12 anos. Do total, 122 familias solicitaron ademais das actividades, servizo de comedor e de madrugadores.

Segundo sinalou o concelleiro, as familias agora terán que realizar a inscrición definitiva entre o 11 e o 18 de novembro. O custo para as mesmas será de 45 euros si optan por reservar as actividades máis os servizos de comedor e de madrugadores e 9 euros se os nenos van só ao programa de actividades de 10 a 14 horas. O servizo de madrugadores e o de comedor por separado terán un custo de 9 e 27 euros respectivamente.

Currás fixo fincapé en que o programa "tivo unha demanda interesante" polo que se está estudando celebralo en máis colexios de cara a próximas edicións.

Desta vez, os CEIP Pío XII, Ramón Cabanillas e As Fontiñas acollen o programa, que cambia o seu formato a petición das ANPAS e co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar. Celebrarase os días non festivos comprendidos entre o 23 de decembro e o 4 de xaneiro, en horario de 7:45 a 15:30 horas, incluíndo o servizo de comedor. Proximamente convocarase o concurso para contratar a empresa encargada de organizar este Nadalxogo, ao que o Concello achegará uns 60.000 euros.

Nadalxogo está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Os inscritos poderán participar en actividades de música, danza, animación á lectura, educación ambiental, papiroflexia, cociña ou artes plásticas. Tamén realizarán itinerarios pola cidade, perfeccionarán a súa técnica en diversos deportes e divertiranse con xogos populares e tradicionais.

Documentos relacionados



Compartir: