CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais acollen seis exposicións dentro da 29 edición do Outono Fotográfico

03/11/2011 Os concelleiros de Participación Cidadá, Francisco Noya, e de Xuventude, Adrián Varela, presentaron en rolda de prensa, acompañados polo director xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, a 29 edición do Outono Fotográfico, que achega seis exposicións aos centros socioculturais da cidade durante o mes de novembro.

As exposicións, que percorrerán 30 vilas e cidades galegas mostrando os traballos de preto de 200 fotógrafos, poderán visitarse do 4 ao 30 de novembro en seis centros socioculturais da cidade. Tanto Francisco Noya como Adrián Varela sinalaron a importancia do proxecto para dar a coñecer novos valores da fotografía galega, que conviven no mesmo con autores xa consagrados. O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, agradeceu a colaboración do Concello e a axuda na difusión da mostra entre a mocidade e os veciños de Santiago. Para un dos organizadores, Xacobe Meléndez, "o Outono Fotográfico é a festa da fotografía en Galicia".

O programa en Santiago é o seguinte:

MULLERES, de Alba Colino Expósito
CENTRO SOCIOCULTURAL CONXO
Praza Aurelio Aguirre, 1. Conxo. Teléfono: 981 528 740. Horario: martes a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 h. Sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 h.
do 4 ao 30 de novembro
As mulleres marroquís, bérberes, e en xeral, as africanas, teñen tres trazos comúns: a invisibilidade que lles precede, xeradora da anulación da súa identidade e levada a cabo mediante a imposición dunha cultura arraigada ao máximo no paternalismo e a desigualdade do xénero. En segundo lugar, e novidoso, transmiten esperanza, que ven fomentada pola xuntanza paulatina de dous instrumentos de recente actualidade, a formación máis o acceso á información. E por último, en consecuencia do mercantilismo imperialista dominante, sofren os mesmos métodos de manipulación que palpamos en Occidente –construción desmesurada, subida do nivel de vida, publicidade e censura mediática–. Coa diferenza de se ver inmersas nunha precariedade provocada pola supremacía do capital xunto coa falta de ética das elites máis podentes.

INVERNO NO PARQUE DO CARBALLIÑO
Agrupación Fotográfica O Potiños: Hector Guzmán, J. L .Diz, Juan Rúa, Luisa Lorenzo, Manolo Celta, Mila Fernández
CENTRO SOCIOCULTURAL DA TRISCA
Corredoira das Fraguas, 92. Teléfono: 981 543 191. Horario: luns a venres de 9:00 a 14:00 h. Martes a venres de 17:00 a 21:00 h. Sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 h.
do 4 ao 30 de novembro
Un recorrido por o parque do Carballiño en pleno inverno. Os fotógrafos-camiñantes recollen nunha serie de imaxes toda a quietude do entorno natural desta vila ourensá ó tempo que as follas mortas das árbores fan de alfombra e os musgos do inverno danlle ese contraste de colorido verde, misturado cos amarelos e bermellos de algunhas especies de árbores foráneas. É a propia esencia do parque en contraste co verán e puntualmente ca celebración da Festa do Polbo.

UN INTRE DO PRESENTE NO PASADO
Luisa Lorenzo
CENTRO SOCIOCULTURAL JOSÉ SARAMAGO DE VITE
Rúa Carlos Maside, 7. Horario: martes a venres de 17:00 a 21:00 h. Sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 h.
do 4 ao 30 de novembro
Unha serie de fotografías onde a autora amosa mundos distintos unificados nunha mesma imaxe. Un chisco, un instante, uns segundos do que acontece neste mesmo momento ao pé do pasado que foi e aínda perdura. Un salto cuantitativo no tempo que nos obriga a pensar, en esencia é o paso do tempo que non perdoa. Foi para ben ou para mal?
Busca que cada quen interprete as fotografías ao seu xeito, que vexa as imaxes á súa maneira, xa que todos non vemos, nin sentimos, nin apreciamos, nin percibimos as mesmas cousas da mesma maneira.

OLLOS SALGADOS
Mercedes López Rubín
CENTRO SOCIOCULTURAL O CASTIÑEIRIÑO
Rúa Virxe de Fátima, 1. Teléfono: 981 542 459. Horario: luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 21:30 h.
do 4 ao 30 de novembro
Ollos salgados é unha recompilación de recortes da costa galega impregnados de historias incontables, de mariñeiros, de galernas... Esta mostra fotográfica ten a intención de amosar algúns deses recunchos da nosa xeografía galega que esconden maxia, beleza e o labor de crear un camiño de luz ao través dunha senda de rochas, vento e sal...

MASA LÍMITE CAOS
Paco Rocha
CENTRO SOCIOCULTURAL DAS FONTIÑAS
Rúa Berlín, 13. Teléfono: 981 528 750. Horario: martes a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 h. Sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 h.
do 4 ao 30 de novembro
Decido incorporarme á natureza máis próxima, mirala para reconciliarme con ela, como ser humano, como agresor. Ela agradécemo devolvéndome ao meu estado animal, mostrándome a beleza do caos natural. Non podo deixar de ver formas entre os recunchos. As masas vexetais cos seus límites e cores difusas conforman unha paisaxe desordenada na que o natural é o caos, entendido dende a perspectiva humana, a esa beleza de caos natural nós chamámoslle «orde natural» nesa teima do ser humano de ordenalo todo, cando o natural é o caos. Cando as masas ao límite atopan o caos, o meu estado animal atopa a calma.
Masa: f. Gran conxunto de xente que polo seu número pode influír na marcha dos acontecementos. Límite: m. Extremo que poden alcanzar o físico e o anímico. Caos: m. Estado amorfo e indefinido que se supón anterior á ordenación do cosmos.

CATRO ESTACIÓNS, MIL CORES
Xosé Luís Vázquez Iglesias
CENTRO CULTURAL DO ENSANCHE
Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16. Teléfono: 981 543 001. Horario: luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 h. Sábados de 10:15 a 14:00 e de 17:15 a 20:45 h.
do 4 ao 30 de novembro
Mostra a grande variedade cromática que ten Galicia ao longo do ano. Esta diversidade, sen dúbida en directa relación co seu clima atlántico, pódese comprobar na súa plenitude nas catro estacións do ano, tanto no interior como na costa. Nestas fotografías hai imaxes familiares xunto a outras menos coñecidas. Todas son Galicia sen ningún tipo de mestura.

Compartir: