CONSORCIO DA CIDADE

Un ciclo de conferencias traerá a Santiago a varios premios Nobel de Ciencias

08/03/2006 Baixo o lema "Conciencia", o Consorcio de Santiago de Compostela vén de deseñar unha programación estable de divulgación científica que traerá ata Santiago a varios científicos do máximo nivel, expertos en diversas disciplinas, entre eles varios Premios Nobel. O ciclo comeza os vindeiros días 16 e 17 de marzo coas intervencións do físico suízo Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física en 1986.

O obxectivo do programa Conciencia é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que se producen intercambios de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito científico internacional.

A presenza en Compostela das máis eminentes personalidades da física, a química, as matemáticas e a medicina débese en grande parte aos vencellos existentes entre o cadro de investigadores da Universidade de Santiago (USC) e estes persoeiros, unido ao esforzo realizado para congregalos todos nun mesmo contexto xeográfico. Asimesmo, a coordinación do programa Conciencia débese a Jorge Mira Pérez, profesor da Facultade de Física da USC.

A lista de poñentes iníciase co científico suízo, Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física en 1986, e continúa coas intervencións o vindeiro mes de xullo de Sir Michael Francis Atiyah, destacado matemático inglés. Para o mes de outubro están previstas as ponencias de Nobel de Medicina sueco Torstein Nils Wiesel, e do Nobel de Química suízo Richard Robert Ernst. Nas distintas participacións abrangueranse, entre outros, temas como as aportacións da Física e a Química á sociedade ou o pulo que recibe o eido da nanotecnoloxía en Galicia.

A organización do programa Conciencia discurrirá paralela á celebración de varios fitos importantes de carácter científico durante o ano 2006. En primeiro lugar, a Universidade compostelana terá a responsabilidade de acoller a Asemblea Xeral da Internacional Mathematical Union. Ademais, este ano conmemórase o centenario da concesión do Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina a Santiago Ramón y Cajal; e o 50 aniversario do nacemento da Intelixencia Artificial.

O Nobel de Física Heinrich Rohrer abre o ciclo
O vindeiro día 16 de marzo, no Auditorio da Universidade de Santiago, Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física, dirixirase ao público para falar dos descubrimentos máis destacados da súa traxectoria científica, centrada no ámbito da nanotecnoloxía (ciencia que traballa en escalas de millonésima de milímetro), así como as implicacións que esta materia ten en diversos aspectos da vida. Ao día seguinte, Rohrer manterá un encontro coa comunidade científica galega na Casa de Europa.

Este físico, nado en Suíza en 1933, recibiu o Premio Nobel de Física en 1986, pola invención do microscopio de Efecto Túnel, que equivale para a nanotecnoloxía o que o telescopio para a astronomía. Este aparello permite "ver" átomos individualmente, ofrecendo a posibilidade de manipulalos un a un, polo que é considerado o instrumento máis preciso para manipular a materia, permitindo a evolución da nanotecnoloxía.

Ademais, Rohrer colaborou, en 1984, no proxecto do Microscopio de Forza Atómica, que conduciu á creación dunha gran variedade de instrumentos para estender as imaxes de resolución case atómica a moitas outras forzas como a fricción e o magnetismo.

A partir de 1986, Heinrich Rohrer foi nomeado director do Departamento de Física dos laboratorios que a compañía IBM ten en Zúrich, onde continuou coas súas investigacións sobre os materiais antiferromagnéticos.

Filosofía da ciencia
O físico suízo ten deixado claro ao longo das súas intervencións mediáticas o seu posicionamento centrado no progreso da sociedade a través a ciencia. "Eu non teño ningún temor aos nanorrobots. A sociedade sempre lle ten medo aos avances e quere controlar a ciencia e debería confiar nos científicos porque non queremos enganala", afirmou.

Do mesmo xeito, Rohrer amósase optimista coas posibilidades do saber científico ao aseverar que "sempre lle temos que dar unha oportunidade ao futuro, pero éste non depende só da tecnoloxía, senón do que nós fagamos con esa tecnoloxía". E engade: "non hai límites. Imos poder facer practicamente calquera cousa. A pregunta é qué queremos facer".

Datas dos relatorios e poñentes
-Xullo 06
Sir MICHAEL FRANCIS ATIYAH, nado no Reino Unido, en 1929, é (Honorary Professor) da University of Edinburgh School of Mathematics, no Reino Unido.

Recibiu a Medalla Fields en 1966 (é o premio máis prestixioso no eido da Matemática, disciplina para a que non hai Premio Nobel. Entrégase unha vez cada 4 anos). Ten o Premio Abel en 2004 (outórgao a Academia Norueguesa de Ciencias e Letras e, despois da medalla Fields, é o recoñecemento de máis importancia para un matemático).

Probou o chamado Teorema de Atiyah-Singer nos anos 60, un resultado que permitiu o desenvolvemento de moitas polas da Matemática dende aquela. Tamén é o fundador dunha das principais ferramentas da topoloxía alxebráica: a teoría topolóxica K.

Outubro 06

TORSTEN NILS WIESEL, nado en Suecia, en 1924, é Presidente Emérito da Rockefeller University.

Recibiu o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía en 1981, polos seus descubrimentos sobre o procesado de información no sistema visual. Os resultados de Wiesel demostraron cómo a zona cerebral encargada da visión necesita de estímulos para o seu desenvolvemento. Os seus achádegos van máis aló do estudo do mecanismo da visión xa que conlevan unha demostración da plasticidade do cerebro (a facultade de cambio de estructuras cerebrais según os estímulos que reciban). É un aspecto clave na eterna cuestión de se as cualidades dun individuo son innatas ou adquiridas.

RICHARD ROBERT ERNST, nado en Suiza, en 1933, profesor da Eidegenössische Technische Hochschule, de Zurich.

Recibiu o Premio Nobel de Química en 1991, polo desenvolvemento da Resonancia Magnética Nuclear. A espectroscopía por resonancia magnética nuclear de alta resolución é un método moi preciso de caracterización da materia. Porén, este invento é un exemplo de trasvase do coñecemeto á sociedade, posto que se convertiu axiña nunha
técnica moi usada en medicina para obter imaxes moi precisas do corpo humano.

Compartir: