ALCALDÍA

A Academia Galega de Seguridade e o Concello colaborarán na formación dos bombeiros municipais

28/10/2011 O director da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), José Carlos García Bouzas, e o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a formación continua dos bombeiros municipais.

Esta formación realizarse mediante cursos sobre temas de interese profesional para este persoal e que supoñan unha mellora ou actualización para o desempeño das súas funcións ou, en todo caso, que permitan unha reciclaxe necesaria para acadar máis eficiencia no seu traballo.

Segundo establece o texto, á Agasp corresponderalle o seguimento, coordinación e desenvolvemento do curso, así como a selección do profesorado e facilitar as súas aulas e instalacións, a non ser que de xeito consensuado por ambas partes se decidan impartir noutro lugar.

Os gastos destas actividades corresponderanlle tamén á Academia Galega de Seguridade Pública, agás aqueles derivados de axudas de custe para desprazamento e manutención dos alumnos, no caso de que estes as houbesen acordado co Concello previamente.

O convenio tamén recoñece que o centro formativo expedirá diplomas ao remate de cada curso aos alumnos cualificados como "aptos" que asistisen a polo menos o 90% das horas lectivas. O diploma estará asinado polo director xeral da Academia.

Rescate en ríos, riadas e inundacións
Entre as actividades programadas para os bombeiros de Santiago, atopase o curso sobre intervencións de rescate en ríos, riadas e inundacións, unha actividade de caracter eminentemente práctico que xa teñen desenvolvido outros corpos como a Policía Autonómica, o pasado verán.

Con este curso pretendese dotar aos bombeiros composteláns dos coñecementos teórico-prácticos para poder acometer en suficientes condicións de seguridade un rescate tanto en augas rápidas como no transcurso dunha inundación.

Neste sentido, formaráselles no uso dos equipamentos de protección persoal, material de rescate, entrada na auga, sorteo de obstáculos, montaxe e instalacións con cordas e técnicas de rescate de vítimas dende a auga, desde as beiras ou utilizando embarcacións, entre outros coñecementos.

Compartir: