EMPREGO

As xornadas da I Feira Internacional de Emprego ofrecerán máis dunha vintena de actividades gratuítas

27/10/2011 A I Feira Internacional de Emprego (FÍE) acollerá durante a súa celebración os próximos días 3 e 4 de novembro as xornadas ‘Os novos mercados de traballo e as estratexias innovadoras para a busca de emprego’, cun completo programa de conferencias e obradoiros impartidos por profesionais procedentes de diversos ámbitos.

Ademais de posibilitar os procesos de selección de candidatos aos postos de traballo ofertados polas empresas participantes, estas xornadas, abertas a todo tipo de público, inclúen máis dunha vintena de actividades de acceso gratuíto. Para asistir, os interesados só deben inscribirse a través da páxina web da Feira www.feiradoempregosantiago.org.

O programa será impartido por profesionais procedentes de diversos ámbitos: especialistas en coaching, psicólogos, directores comerciais, xerentes ou responsables de recursos humanos de grandes empresas nacionais, entre outros.

Ciclo de conferencias
Entre os relatores atópanse Rafael Millán Calenti, doutor en Dereito e profesor de Dereito Mercantil da USC, que analizará as medidas para a protección de datos con respecto aos procesos de selección laboral, Santiago Vázquez Blanco, director de RRHH de R Comunicacións, que falará sobre a importancia da fortaleza emocional para a optimización e satisfacción laboral, ou Felipe García Rey, responsable de grandes contas de ONO, quen exporá as claves para enfrontarse a unha entrevista de traballo con maior seguridade.

Juan J. Martínez López, presidente de Down Compostela, Faustino Sánchez Guindo, de Formación y Selección CESS El Corte Inglés, Leandro Fernández Macho, xerente de Ágama Consultoría y Aprendizaje S.L, ou Jose Domingo Barros Montáns, secretario de Formación UGT Galicia, son outros dos nomes que conforman o ciclo de conferencias da I Feira Internacional de Emprego.

Programa de obradoiros
Cunha duración de tres horas, FÍE Xornadas ofrecerá aos asistentes que se acheguen ao Multiusos a oportunidade de asistir a obradoiros impartidos por profesionais como Anna Viñolas, especialista en coaching e membro da Empresa Qcoah, ou a psicóloga Cándida Rodríguez Ferro. Nestas sesións abordaranse temas como o desenvolvemento da intelixencia emocional, ferramenta indispensable de comunicación interpersoal, ou as mellores estratexias na procura efectiva de emprego.

No programa de obradoiros participarán ademais a xornalista, escritora e editora Cecilia Martínez, cunha sesión baseada nas técnicas de coaching laboral e dedicada especialmente a mulleres desempregadas, e Marisol Vázquez, directora comercial de Grupo Affines, cun obradoiro que conciencia sobre a importancia de marcar obxectivos cara á consecución do emprego.

Servizos adicionais
Ademais dos espazos acondicionados onde se desenvolverá o programa de conferencias e obradoiros, a FÍE disporá de puntos de información, zona multimedia, zona de descanso e stands de cada unha das empresas participantes, onde o público poderá coñecer de primeira man todo o relacionado coa súa actividade, así como diversos recintos onde se levarán a cabo as entrevistas persoais e as actividades de selección de candidatos.

Compartir: