TURISMO

Curtocircuíto´06 convertirá Compostela nunha cidade de cine

08/03/2006 A Santiago de Compostela Film Commission deu a coñecer onte o programa de CURTOCIRCUÍTO’06, o festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, que celebra este ano a súa terceira edición, acugulada de novidades.

A III Edición de CURTOCIRCUÍTO celebrarase na cidade de Santiago de Compostela do 17 ao 21 de outubro de 2006, mais desenvolveranse actividades parellas ao festival durante cinco meses, convertendo Compostela, un ano máis, nunha cidade de cine.

NOVIDADES
Nesta III edición de CURTOCIRCUÍTO hai moitas e interesantes novidades.

En canto a seccións, ábrese un novo apartado, o das Micromovies, un formato en auxe, fiel á filosofía das curtas, que consiste en crear historias de ficción que non superen os 30 segundos, susceptibles de emitírense en calquera soporte.

Estase a traballar tamén na creación dun MERCADO DA CURTAMETRAXE, que dé pulo á difusión e venda das cintas presentadas en anteriores edicións de Curtocircuíto, así como aquelas curtametraxes, cuxos autores ou produtores desexen pór á venda. O mercado funcionaría como arquivo, videoteca e axencia de compra-venda destes produtos audiovisuais, procurando a súa rendabilidade e comercialización.

Nesta edición desenvolveranse, ademais, actividades parellas, cuxos contidos están dirixidos a diferentes públicos, incidindo na necesidade de formación no eido do audiovisual. Por isto, están programados obradoiros e xornadas, centradas nas principais datas de celebración do festival, durante o mes de outubro de 2006.

Mais, alén disto, a actividade audiovisual do festival estenderase ao longo de todo o ano co ‘Proxecto Compostela Plató’, un concurso de guións cuxo premio é a rodaxe dunha curta a través do guión gañador, que está prevista para o comezo do verán; e as proxeccións de curtametraxes de ficción, animación, videocreación e documental –esta última categoría é tamén unha novidade deste ano- nas prazas da cidade de Santiago de Compostela, que se realizarán todos os xoves de xullo, agosto e setembro.

PREMIOS
En total, repartiranse uns 60.000 euros en premios entre os gañadores das distintas seccións do festival.

BALANZO DA ANTERIOR EDICIÓN
CURTOCIRCUÍTO 2005
Entre os días 18 e 22 de Outubro de 2005, Santiago de Compostela converteuse no punto de encontro do sector audiovisual... proxeccións de curtametraxes, obradoiros e xornadas de formación sucedéronse na II edición de unha cita que pretende converterse nunha referencia a nivel internacional.
64 curtametraxes de entre as máis de 300 chegadas dende Asia, Europa e América competiron na Sección Oficial de CurtoCircuíto 2005 nas categorías de videocreación, ficción e animación. As curtas proxectábanse no Teatro Principal -ao que asistiron, en total, 5.000 persoas- e no novo espazo de experimentación e creación contemporánea, A Chocolataría.
Compostela, cidade cunha alta demanda cultural, agradeceu unha iniciativa que concentrou o interese de todo tipo de público, experto e afecionado.
As actividades comezaron o 28 de abril de 2005, coa apertura da convocatoria para participar tanto no concurso de guións "Proxecto Compostela Plató" ao que concorreron 100 traballos enviados de todo o estado, como á sección oficial de Curtocircuíto.

Ademais, ao longo de todo o verán desenvolveuse o ciclo de proxeccións ao aire libre "CurtoCircuíto na Rúa", que achegaba o cinema, en pequeno formato, aos paseantes e logrou reunir unhas 400 persoas cada noite nas prazas da cidade vella.

O Festival Internacional de Curtametraxes CurtoCircuíto´06 é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, xestionada por Ficción Producciones, apoiada polo Concello de Santiago e patrocinada pola Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

Compartir: