DEPORTES

A selección española de natación sincronizada visita Santiago o venres e o sábado tras facer o Camiño

27/10/2011 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, acompañado polo presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, presentou os actos que terán lugar este venres 28 de outubro e o sábado 29 con motivo da chegada a Santiago de Compostela tras realizar o Camiño da selección española de natación sincronizada. Un dos actos máis importantes terá lugar o sábado a partir das 10.00 no Auditorio de Galicia, onde as nadadoras manterán unha charla con todos os rapaces e rapazas de Compostela que se queiran achegar ata o devandito recinto.

As deportistas chegarán a Santiago mañá venres e ás 9.45 estarán na praza do Obradoiro para despois manter sendos encontros institucionais co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo (10.00 horas) e co alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa (10.45 horas). A continuación farán unha invocación ao Apóstolo ao que lle pedirán axuda para conseguir novos éxitos nas Olimpiadas de 2012..

Xa o sábado terá lugar a actividade central desta visita. Baixo o lema "Ti preguntas", as campioas estarán no Auditorio a partir das 10.00 horas para compartir con todo o mundo que se queira achegar, especialmente cos nenos e nenas, a súa experiencia nun deporte tan duro e esixente como é a natación sincronizada. No aparcamento do Auditorio instalaranse hinchables para o desfrute dos máis pequenos.

O concelleiro de Deportes quixo salientar a honra que representa para o Concello de Santiago contar coa visita dun equipo que acadou tantos éxitos deportivos e que "transmite valores como o sacrificio, o esforzo e a cooperación".

Documentos relacionados



Compartir: