CULTURA

Maldita Nerea presenta en Santiago o seu último disco o venres 2 de decembro

27/10/2011 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o cantante e compositor de Maldita Nerea, Jorge Ruíz, presentaron en rolda de prensa o concerto que o grupo murciano ofrecerá en Santiago o vindeiro venres 2 de decembro. A cita será ás 21 horas no Multiúsos Fontes do Sar e contará coa actuación como pregoneiros de Funambulista e Lagarto Amarillo.

Maldita Nerea visita Santiago de Compostela coa súa "Xira Fácil", presentando en directo o seu novo álbum, que viu a luz o pasado mes de maio alcanzando directamente o número 1 na lista oficial de venda de discos. Funambulista, que foi o grupo invitado en toda a xira de Maldita Nerea, presentará o seu último traballo; e o grupo madrileño Lagarto Amarillo adiantará en directo as novas cancións que irán incluídas no seu próximo álbum, que sairá á venda a principios de 2012.

O edil de Cultura sinalou a proxección que acadou o grupo nos últimos anos e indicou que se tratará dun concerto saudable, xa que non se venderá alcol. Pola súa banda, Jorge Ruíz amosouse moi satisfeito por poder tocar e visitar unha cidade como Santiago e salientou que xa non estaba previsto facer ningún concerto máis pero que non se puideron negar ante a posibilidade de vir a Compostela.

O primeiro single do novo disco do grupo murciano, Fácil, a canción que da título ao disco e presenta toda a súa filosofía, converteuse nun hit en todas as radios e televisións musicais. Co seu anterior disco, "Es un secreto...no se lo digas a nadie", Maldita Nerea, que leva dez anos de existencia, confirmouse como o artista revelación do pop nacional: máis de 70 semanas consecutivas nos primeiros postos da lista oficial de vendas, disco de ouro, número 1 en radios cos seus tres singles, tres premios 40 Principales 2010, número 1 en iTunes e Spotify, líderes en redes sociais con centos de miles de amigos en Facebook, Twitter e Tuenti, e millóns de visitas en Youtube.

En xuño de 2011 comezou a súa Xira Fácil, con 60 datas nos recintos máis importantes das principais cidades de España. Recentemente presentaron "No podíamos ser agua?", segundo single de Fácil e acaban de recibir tres nominacións para os premios 40 Principales 2011.

Documentos relacionados



Compartir: