CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Concello colabora na "Olimpiada Solidaria" co obxecto de recadar fondos para a reconstrución dunha escola en Haití

27/10/2011 Baixo o lema "Queres ser solidario?", a iniciativa presentada en rolda de prensa polo concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, pon en relación as horas de estudo dos rapaces e rapazas que participan coas empresas e patrocinadores que financian o proxecto e por último, cos programas de axuda que se impulsan con esta campaña. Poderase participar entre o 5 de novembro e o 5 de decembro.

O Concello de Santiago únese un ano máis a esta iniciativa a través dos centros socioculturais municipais, que prestan colaboración á ONG Coopera desde 2004. Nesta ocasión o diñeiro que se recade en España, Eslovenia, Francia, Bélxica, Costa de Marfil e Burundi irá destinado á reconstrución da escola «La Saline» de Haití.

A Olimpiada organízase desta forma: por cada hora de estudo nos lugares que colaboran un dos patrocinadores destinará un euro para a financiación de proxectos educativos en Angola, Camerún, Ecuador e Haití. Para converterse nun estudante solidario só tes que seguir estes pasos: colle os teus libros e vai á sala de estudo máis próxima, achégate ao voluntario responsable da Olimpiada e pídelle que te inscriba, decide cantas horas vas estudar e colle o papel moeda, toma asento e a estudar! Cando remates deposita o papel moeda na urna.

En Santiago organízase na Universidade, na Biblioteca Pública Ánxel Casal e nas bibliotecas dos centros socioculturais de:
• Vite (tardes, de 17:00 a 21:00)
• Fontiñas (mañá e tarde. De 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00)
• Conxo (tardes, de 17:00 a 21:00)

Na organización da Olimpiada Solidaria participan as ONGs Coopera, que se centra no mundo da educación; Cooperación Internacional, volcada no voluntariado e a participación social dos mozos na axuda aos máis necesitados; e ACTEC, que ten como obxectivo principal a promoción do desenvolvemento nos países do sur e traballa esencialmente en América Latina, África e o Líbano baixo o lema "un oficio para todos".

Documentos relacionados



Compartir: