EDUCACIÓN

O ilustrador uruguaio Martín León-Barreto faise co IV Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

26/10/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, foi o encargado de entregar o galardón nun acto que tivo lugar no Pazo de Raxoi. A convocatoria das catro edicións do Premio tivo unha grande aceptación, presentáronse máis de 1.274 traballos.

Nesta IV edición do ano 2011, o xurado constituído por persoas de recoñecido prestixio na área da literatura e ilustración infantil- nesta ocasión contouse coa participación de Roberto Innocenti, ilustrador, e Federico Martín Nebras, escritor, entre outros- valorou como gañador desta convocatoria o traballo presentado por Martín León- Barreto Jhonson, titulado A Viaxe de Olaf.

Martín León- Barreto Jhonson (Montevideo- Uruguai 1973), é deseñador gráfico e ilustrador dende o ano 1991. Residente en Madrid, na actualidade traballa de maneira prioritaria na área editorial: Santillana, Richmond, Bruño, Edelvives, Pearson, entre outras, onde participa no deseño de coleccións e ilustracións de portadas. Gran parte do seu traballo profesional está dedicado á área infantil e xuvenil. Tanto no Uruguai como en España colabora en ilustracións para a prensa. Asímesmo, desenvolve estudos e traballos de debuxos animados na Escola de Cine de Madrid.

O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e a Editorial Kalandraka convocaron por cuarto ano consecutivo o Premio Internacional Compostela de Álbums ilustrados, no marco da XI Campaña de Animación á Lectura, que cada ano organiza este Concello.

A convocatoria das catro edicións do Premio tivo unha grande aceptación, pois se contabilizaron máis de 1.274 traballos (dos que 375 se corresponden con esta cuarta edición), cifra que da a medida da importante repercusión que este Premio ten a nivel internacional. Os traballos presentados a esta convocatoria procedían de diversos países como: Alemaña, Suecia, Italia, Gran Bretaña, Francia, Suíza, Portugal, Rusia, Romanía, Holanda, Dinamarca e España. E de varios países americanos como Arxentina, Chile, Brasil, Ecuador, Salvador, USA, México, Colombia, Uruguai, Perú.

Anteriormente resultaron premiados: I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados 2008: Natalia Colombo, Cerca. Arxentina; II Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados 2009: Felipe Ugalde, Un gran soño. México; III Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados 2010: Mariona Cabassa e Pep Bruno, A familia C. España.

Documentos relacionados



Compartir: