CULTURA

A Banda Municipal de Música inaugura o mércores 26 a programación didáctica da Concellaría de Cultura

25/10/2011 Ademais da Banda, haberá propostas da Real Filharmonía de Galicia, Xacobe Martínez Antelo Standard 4tet, Taller Atlántico Contemporáneo, unha agrupación de L’Auditori de Barcelona e Chema Rey DJ. 40 colexios de Santiago e comarca e 89 do resto de Galicia xa formalizaron a súa inscrición e aínda queda algunha praza libre.

A Banda Municipal de Música inaugura o mércores 26 de outubro a programación 2011-2012 de concertos didácticos que ofrece a Concellaría de Cultura. Un total de 26 propostas que chegan da man de, ademais da Banda, a Real Filharmonía de Galicia, Xacobe Martínez Antelo Standard 4tet, Taller Atlántico Contemporáneo, unha agrupación de L’Auditori de Barcelona e Chema Rey DJ e que se celebrarán no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal entre os meses de outubro do 2011 e abril do 2012.

Neste momento son xa 129 os centros que teñen formalizada a súa inscrición (40 da comarca compostelá e 89 do resto de Galicia) pero aínda queda algunha praza libre que se pode solicitar seguindo as indicacións na páxina web do Auditorio www.auditoriodegalicia.org onde tamén se poden baixar xa as unidades didácticas de cada un dos concertos.

Co programa ‘Cine e Música’ que a Banda desenvolve mañá mércores e repite xoves e venres, dirixido a alumnos de 1º, 2º e 3º da ESO dá comezo esta programación. No mes de novembro será de novo a Banda a que ofreza outros dous concertos, os días 16 e 17, baixo o nome de ‘Imos á Banda! Concerto para frauta e banda’ co solista André Cebrián para alumnos de 3º e 4º da ESO.

Xa en xaneiro continuamos coa programación didáctica, e teremos concerto da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave os días 17, 18 e 19 e a Banda ofrecerá una nova proposta ‘Hoxe toca vento madeira’ os días 25, 26 e 27. En febreiro chega o Xacobe Martínez Antelo Estándar 4tet con ‘Jazz e improvisación’ á que asistirán rapaces de 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO o venres 10 en dúas sesión.

En marzo o programa didáctico ampliase ao Teatro Principal cunha proposta que trae a La Caixa desde L’Auditori de Barcelona, ‘O metal e as súas cores’. Será os días 6, 7 e 8 con dúas sesión cada día dirixidas a rapaces de 3º, 4º e 5º de Educación Primaria. O día 7 tamén teremos proposta no Auditorio, desta vez co Taller Atlántico Contemporáneo que presenta ‘As Folksongs de Luciano Berio’ para rapaces máis maiores: 3º e 41 da ESO e 1º e 2º de Bacharelato.

En abril pechamos o programa con dúas propostas. A Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave os días 17, 18 e 19 e Chema Rey DJ con ‘A historia do Rock – De Elvis a Vetusta Morla’ o venres 27 en dúas sesións, unha dirixida á ESO e Bacharelato e outra a Educación Primaria.

Compartir: