TURISMO

Publícase a revista "En Compostela" deste ano

22/03/2005 O concelleiro de Turismo da cidade, Francisco Candela, presentou o terceiro número da revista anual "En Compostela", así como unha guía cultural anual que se distribuirá entre axentes de viaxe, hoteis e oficinas de turismo.

Turismo de Santiago saca á rúa o número tres da súa revista anual "En Compostela", que conta cunha tirada de 25.000 exemplares. A publicación, con cen páxinas a cor e textos en castelán e en inglés, está dirixida aos viaxeiros que xa se atopan en Santiago, posto que se distribúe de balde entre os hoteis da cidade, aínda que tamén chega a outros consumidores potenciais a través das oficinas de turismo españolas.

A revista deste ano céntrase nos visitantes de Santiago que buscan aproveitar ao máximo as súas posibilidades de lecer. A publicación quere ser unha "guía" para as "escapadas" ou "short breaks". Este é o propósito de artigos coma "O mellor de Santiago", que inclúe unha axenda de tres días e un listado de servizos ao alcance dos visitantes. Outros artigos destacados son "Descubrindo a cidade", un paseo inédito que escapa do casco histórico para rodealo a través dos parques e as arquitecturas de autor, ou "Unha noite en Compostela", que fai un percorrido pola vida nouturna local.

Axenda cultural anual
Francisco Candela presentou tamén a "Axenda Cultural de Santiago de Compostela 2005", unha compilación dos eventos do calendario cultural compostelán deste ano destinada en Galicia ás axencias de viaxe, hoteis, oficinas de información turística, e no estranxeiro a turoperadores e ás oficinas de turismo españolas.

A axenda funciona coma unha guía útil sobre a oferta cultural da cidade. O listado amosa mes a mes os programas estábeis e de continuidade, ademais de algúns acontecementos especiais de 2005, exposicións, eventos específicos para o público infantil e as máis sobranceiras festas populares.

Compartir: