ALCALDÍA

O Goberno local reactiva o proxecto de recuperación da Finca do Espiño

21/10/2011 O proxecto de recuperación para o uso público da Finca do Espiño volve a botar a andar tras 10 anos de parálise e de litixios entre o Concello e a empresa promotora, Layetana. Un protocolo de intencións, que en breve se plasmará nun convenio, reactivará esta iniciativa, que propiciará a rehabilitación do pazo do Espiño, a rexeneración para o uso público do parque e a reactivación da economía local grazas a construción de 120 vivendas.

Conde Roa explicou que o "bloqueo absoluto" deste proxecto non beneficiaba a ninguén, nin ao Concello nin á empresa". De aí a sinatura do protocolo, que revisa os termos do convenio urbanístico asinado en 2001 para reactivar a iniciativa, que suporá un investimento duns 24 millóns de euros nun momento de crise económica e de dificultades do mercado inmobiliario.

Un dos cambios que se introducen é o cambio da cualificación do solo para edificación residencial comunitaria a exclusivamente residencial, rexido polo tanto pola ordenanza catro do Plan Xerar de Ordenación Municipal (PXOM). Esta decisión implicará unha modificación puntual do devandito Plan, establecendo unha cualificación urbanística que, segundo o alcalde "non permite diferentes interpretacións".

Outra das novidades é que o edificio dun só bloque inicialmente previsto dividirase agora en varios bloques, "facilitando a permeabilidade da paisaxe un mellor deseño da finca". Neste punto aclarou que "non se aumenta a edificabilidade" e, ademais, "redúcense a densidade, pasando de 164 a 120 vivendas".

Con empresas locais
No protocolo e no próximo convenio, a promotora asumirá que ese investimento de 24 millóns de euros "será executado por provedores e empresas locais". Neste sentido, destacou a "importante inxección" que o proxecto suporá para a economía local. A empresa tamén se comprometeu a realizar un "proxecto moi coidado", coa conseguinte convocatoria de concurso para o mesmo, asegurou Conde Roa.

A promotora –recordou- asume a rehabilitación do pazo do Espiño, para o a cal existía un proxecto do arquitecto francés Jean Nouvel. Xunto a este edificio recuperarase para o uso público o parque, unha superficie pública duns 18.000 metros cadrados.

A sinatura do convenio suporá que a empresa retirará os litixios abertos contra o Concello, o que supón "empezar de novo", en palabras do conselleiro delegado de Layetana, Santiago Mercadé. Xunto a este e o alcalde compareceron na rolda de prensa a concelleira de Urbanismo, María Pardo, e o avogado Juan Raposo.

Compartir: