OBRAS E INFRAESTRUTURAS

A concelleira de Infraestruturas denuncia a aparición no seu departamento de facturas de obras sen tramitación previa

19/10/2011 A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, María Castelao, denunciou en rolda de prensa a aparición dunha serie de facturas no seu departamento contratadas verbalmente polo anterior Goberno, así como doutra previa á tramitación mesma do contrato. A suma de todas estas facturas supera os 200.000 euros.

María Castelao referiuse a unha serie de facturas "sen retención de crédito nin autorización de gasto", relativas a uns traballos que se realizaron por unha orde verbal. Nesta relación de facturas citou unha de acondicionamento do local do Club Triatlón Bricosa no estadio multiúsos de San Lázaro, por 42.013 euros, e outra de acondicionamento doutro local para tenis de mesa no mesmo recinto, por 46.950 euros. A edil non puxo en dúbida a necesidade das obras nestes locais, pero denunciou a forma irregular na que se realizaron.

Tamén manifestou a súa sorpresa por outras obras realizadas en época electoral, de forma urxente e sen a debida tramitación: un desbroce na rúa da Queimada por 1.148 euros (18 e 19 de maio); uns traballos de limpeza da vexetación en Pontepedriña, por 1.400 euros (19 e 20 de maio) ou a construción dunha táxea no río Aríns, por 11.210 euros (5 de maio). A estas sumou outra factura de 1.868 euros por traballos de limpeza realizados de modo urxente a propósito da visita do Papa en novembro.

Finalmente, a concelleira tamén comentou a realización dunha actuación por 117.403 euros correspondentes ao contrato de obras de reforzo do firme en 2010, presupostado en total en 948.275 euros. Así, explicou que esas obras iniciais se executaron cando aínda non estaba resolto o concurso para a realización destes traballos.

Compartir: