MEDIO AMBIENTE

O Concello asina un convenio de colaboración con SOGAMA

07/03/2006 A reparación do vial de acceso e a construcción dunha aula medioambiental na planta de transferencia de Enfesta son os puntos principais do acordo. Ademais, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel investirá 1.404.687 euros na obra do selado e rexeneración do vertedoiro de Piñor.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), José Álvarez Díaz, asinaron hoxe, martes 7 de marzo, na Casa do Concello, un convenio de colaboración.

O 4 de xaneiro de 2004 o Concello formalizaba a súa adhesión a SOGAMA a través dun contrato que establecía a entrega dos residuos do municipio á empresa, facendo uso da planta de transferencia de Enfesta.

O convenio asinado hoxe establece que o vial de acceso á planta de transferencia, por onde circulan os camións que transportan o lixo será reparado e ensanchado. As obras, nas que se empregará material reciclado, consistirán no ensanchamento e pavimentación do vial de acceso á estación de transferencia desde a N-550, mediante dúas capas de aglomerado asfáltico en quente e a sinalización viaria precisa. O Concello achegará e aprobará o proxecto e a licitación pública das obras, que terán un prezo máximo estimado de 494.022,55 euros, dos cales SOGAMA financiará o 90%, isto é 444.620,30 euros e o Concello o 10% restante, 49.402,25 euros.

Por outra banda, SOGAMA construirá unha aula medioambiental no recinto da planta de transferencia de Enfesta, onde levará a cabo programas de educación, concienciación e sensibilización ambiental, fomentando a protección e conservación do medio natural, a utilización prudente e racional dos recursos, o consumo responsábel, a prevención, a reutilización e a reciclaxe dos residuos, etcétera. O obxectivo non é outro que potenciar e fortalecer a divulgación das boas prácticas ambientais que permitan formar e educar a cidadáns responsábeis, segundo se establece no acordo.

A través deste convenio, SOGAMA e Concello estreitan a súa colaboración, incluíndo a protección e mellora do medio ambiente, co fin de que Santiago de Compostela sexa un exemplo de boas prácticas ambientais. Deste xeito, "fíxanse unhas bases para a cooperación técnica, económica, social e medioambiental en beneficio do interese público", explica o texto do convenio.

Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel investirá 1.404.687 euros na obra do selado e rexeneración do vertedoiro de Piñor (Santiago), que inclúe a construción dun "punto limpo". O director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Joaquín Buergo del Río, explicou esta mañá na Casa do Concello as características deste proxecto medioambiental, que estará rematado nun prazo de cinco meses unha vez se adxudiquen as obras de acondicionamento da zona.

A explotación do vertedoiro, creado en 1995, fíxose de xeito controlado e con depósito impermeabilizado cos seu correspondentes sistemas de drenaxe de augas. Dende a súa posta en marcha se acumularon no lugar 443.065 metros cúbicos de residuos, sobre unha parcela de 4 hectáreas.

A obra de selado inclúe o movemento e compactación de residuos, drenaxe de augas pluviais e a plantación de especies herbáceas, arbustivas e árboreas seleccionadas polas súas características de adecuación ao entorno. O proxecto de rexeneración complétase coa creación dun punto limpo á entrada do vertedoiro. Neste recinto, no que os cidadáns poderán depositar residuos producidos no ámbito domiciliario, colocaranse 12 contenedores de 20 metros cúbicos para a recollida de voluminosos, ferralla, escombro, poda e restos vexetais. Así mesmo, instalaranse iglús destinados á reciclaxe de papel, vidro e envases, ademais dun almacén para a recollida de residuos especiais. Por último, o edificio de control existente á entrada do vertedoiro adaptarase para converterse en oficina de recepción do punto limpo de Santiago de Compostela.

Compartir: