EDUCACIÓN

Remata o prazo de preinscrición no programa de conciliación Nadalxogo

14/10/2011 O luns 17 de outubro remata o prazo de preinscrición nunha nova edición de Nadalxogo. Desta vez, os CEIP Pío XII, Ramón Cabanillas e As Fontiñas acollen o programa, que cambia o seu formato a petición das ANPAS e co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar. Celebrarase os días non festivos comprendidos entre o 23 de decembro e o 4 de xaneiro, en horario de 7:45 a 15:30 horas, incluíndo o servizo de comedor.

Unha vez se coñeza o número de familias interesadas, convocarase o concurso para contratar a empresa encargada de organizar este Nadalxogo, ao que o Concello achegará uns 60.000 euros. Tamén entón, en función do número de anotados, se fixarán as tarifas. O límite mínimo para abrir os centros será de 20 alumnos e o máximo de 150 alumnos por colexio.

Nadalxogo está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Os inscritos poderán participar en actividades de música, danza, animación á lectura, educación ambiental, papiroflexia, cociña ou artes plásticas. Tamén realizarán itinerarios pola cidade, perfeccionarán a súa técnica en diversos deportes e divertiranse con xogos populares e tradicionais.

Compartir: