PLENO

A edil de Facenda indica que o endebedamento por habitante se situou en máis de 697 euros en 2010

14/10/2011 Un día despois de ser aprobada no Pleno a conta xeral do exercicio 2010, a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, explicou algúns indicadores da mesma. Destacou os 697,58 euros de endebedamento por habitante e que, durante o pasado ano, se pagaron máis de 25.000 euros ao día entre intereses e amortizacións. A urxencia da convocatoria da xornada anterior obedecía a que a Lei obriga a remitir ao Tribunal de Contas o estado de contas antes do 15 de outubro.

A concelleira comezou por analizar o capítulo de ingresos, indicando que os dereitos recoñecidos netos baixan con respecto a 2009 e pasan de 116,7 a 110,5. A execución global dun 74,54%. Resaltou a desviación negativa duns 7,4 millóns nos capítulos 1 a 4, dos cales máis de 5 correspondían a ingresos urbanísticos, constatando a redución de ingresos por este concepto.

A propósito do gasto corrente, apostou por unha mellora no funcionamento e estrutura dos servizos económicos, xa que apuntou que estes non se recadan e executan "como deberan". Puxo como exemplo o IBI, do que se presupostaran 22 millóns, dos cales se recoñeceron 21,3 e se recadaron 19,8 millóns. Neste apartado, chamou a atención sobre a baixada das achegas doutras administracións. Así, dixo, dun orzamento total de 30 millóns só se recoñeceron 17,8, cun grao de execución do 59,42% cando en 2009 fora dun 64,65%.

Gastos
No capítulo de gastos, recoñecéronse créditos por 111,3 millóns de euros, cunha execución do 75,5%, superando pois o devandito grao de execución dos ingresos. A edil de Facenda referiuse especialmente ao capítulo 2, de gasto común, no que "o sumado por combustibles e carburantes, servizos postais, atencións protocolarias e publicidade e propaganda suman 277.000 euros sobre o presupostado, é dicir, presupostáronse 960.000 euros e executáronse créditos por estes conceptos por un importe de 1.240 euros".

Falou tamén do capítulo 6, afirmando que no apartado de obras e investimentos, "duns créditos totais de 28,3 millóns só se executaron 18 millóns. "Do total do capítulo seis, os créditos definitivos ascendían a 54 millóns e só se executaron 27,7 millóns", engadiu.

Débeda
En relación á débeda financeira do Concello, apuntou que "o ratio por endebedamento por habitante medrou respecto a 2009, situándose en 697,58 euros por habitante, case 20 euros máis que en 2009 (678,24 euros). Anunciou unha débeda viva a 31 de decembro (débeda bancaria a longo prazo con entidades financeiras) de 64,1 millóns de euros. A esta cifra sumoulle a devolución do PIE, os avais e a débeda a curto prazo, para situar a débeda en 66,3 millóns de euros.

A edil dixo tamén que o gasto total da débeda en 2010 ascendeu, entre intereses e amortizacións a 9.157.302 euros, pagando ao día o Concello 25.088 euros por este concepto. Rematou este apartado recordando que "a porcentaxe de débeda sobre ingresos ordinarios supón un 76,98%.

Cecilia Sierra referiuse a continuación ás cifras pendentes de pago. "O importe que deixa a liquidación de 2010 ascendeu a case 33,5 millóns de euros, correspondendo 25,2 millóns ao exercicio 2010", manifestou, concluíndo que "a débeda total do Concello a 31 de decembro situouse en 99,8 millóns de euros".

A Conta Xeral sitúa a cifra pendente de cobro en 38 millóns de euros, dos que 18,3 millóns corresponden ao exercicio 2010, de xeito que, explicou, "a brecha entre as cifras pendentes de cobro e de pago do exercicio corrente aumentou, pasando a ser de menos de 2 millóns en 2009 a menos de 4 millóns en 2010, tendo en conta que se anularon 3 millóns de dereitos pendentes de cobro". Apuntou que isto, unido á baixada dos fondos líquidos e a outras circunstancias, fixo que o remanente de tesourería para gastos xerais se situara en -2,6 millóns de euros.

Indicadores económicos e plan financeiro
A concelleira de Facenda apuntou tamén algúns ratios orzamentarios, como que o investimento por habitante diminuíu de 342 euros en 2009 a 299 euros en 2010. O período medio de pago pasou de 113 a 123 días e, en contraposición, o período medio de cobro baixou de 90 a 50 días. "Nós cobramos antes, pero os proveedores cobran máis tarde", concluíu

O ratio de liquidez inmediata pasa de 0,39 a 0,37 e a solvencia a curto prazo baixa de 1,46 a 1,36. Respecto ao Plan Económico e Financeiro, indicou que se incumpre, polo que "de novo se terá que dar conta á Xunta de Galicia".

Distorsión no resultado final
A conta xeral aprobada polo Pleno deixa un resultado positivo final de 1.300.000 euros, pero a concelleira aprecia unha "distorsión" nestas cifras. Así, denunciou que non se incluíra nos orzamentos de 2010 a achega ao Consorcio, por importe de 1.600.000 euros.

Ademais, apuntou que tampouco neste balance están incluídas as facturas sen contabilizar detectadas, que cifrou nun total de 3.131.000 euros. Segundo indicou, aquí figuran os 981.000 euros de recoñecementos extraxudiciais de obrigas, 1.500.000 euros contraídos cunha empresa de construción, outros 300.000 de débeda cunha firma de transportes e 350.000 máis cunha empresa eléctrica.

Compartir: