CENTROS SOCIOCULTURAIS

Olalla López presenta "Revelacións"

06/03/2006 O Centro Sociocultural das Fontiñas acolle a exposición de acuarelas da compostelá Olalla Sánchez.

Visións espirituais que van máis alá da forma, para adentrarse realmente no fondo. Trátase da mostra de acuarelas que Olalla López, profesora de debuxo e pintura no centro sociocultural das Fontiñas desde hai dous anos, expón desde o sábado 4 de marzo. A súa mensaxe transportanos ao mundo real do amor e da vida, que está escondido no noso tempo baixo infinitas capas.

"Revelacións" amosa un mundo no que a vida flúe e camiña á par que nos, rezumando o doce arrecendo do amor. Cada brillo, cada ton, reflicte a esperanza nun novo vivir, dando as grazas a todo o que forma este mundo. Son revelacións de vida. Con elas a autora quere axudar a crear un mundo novo e mellor.

Olalla López é natural de Santiago de Compostela anque vive desde hai anos, nunha aldeíña de Cacheiras rodeada de natureza e tranquilidade. Estudou na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos de Mestre Mateu en Santiago de Compostela, para rematar estudando Restauración en Pontevedra, exercendo esta profesión ata case a actualidade.

Dende que realizou os seus primeiros estudos leva pintando e esculpindo, cunha certa continuidade, anque sen mostrar en ningún momento a súa obra, e pasando tempadas en dique seco. Un cambio vital moi importante motivou a volta definitiva ás súas orixes artísticas, retomando a pintura con ansias renovadas e con novas e profundas motivacións inspiradoras, realizando varias series de pinturas de diversos temas sendo estas "Revelacións" a derradeira serie.

Compartir: