MEDIO AMBIENTE E INFRAESTRUTURAS

Medio Ambiente anuncia intervencións nas marxes do Sarela e no parque de Ramírez

13/10/2011 A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, María Castelao, fixo balance dos 100 primeiros días de Goberno no seu departamento e anunciou algunhas das intervencións previstas para os vindeiros meses. Entre estas, citou a segunda fase de restauración das marxes do Sarela, a eliminación das filtracións ao río Sar na Rocha, unha intervención integral no parque de Ramírez, a reparación dos parques infantís máis deteriorados. Do xa realizado, puxo énfase no peche do vertedoiro de Aríns.

Facendo un repaso da xestión nestes tres meses, salientou no eido do medio ambiente a reactivación do proxecto Park Atlantic. Debido a que con anterioridade non se realizara ningún gasto, indicou que foi preciso cambiar as anualidades do proxecto e reprogramar o mesmo. Houbo reunións cos socios do proxecto, do que Santiago é xefe de fila e estase a traballar nun plan de acción para o futuro.

Tamén se referiu María Castelao a un problema ao que, despois de moitos anos, se está a piques de dar solución: as filtracións ao río Sar na Rocha. A empresa concesionaria do servizo de augas, Aquagest, está traballando actualmente neste tema.

Respecto ao outro río principal do municipio, o Sarela, anunciou que se está a elaborar o proxecto da segunda fase da restauración das súas marxes, as comprendidas entre Galeras e O Romaño. Afirmou que as obras comezarán nun período aproximado dun mes e que serán executadas pola brigada de obras do Urbana Santiago Norte, que xa realizara a primeira fase.

Adxudicacións
En materia de obras, a concelleira recordou as adxudicacións producidas nos últimos meses, como o reforzo do firma da vía pública de Barciela (96.000 euros) e da comprendida entre A Ponte e Ponte Albar, en Grixoa (150.000 euros); o acondicionamento do Centro Sociocultural de Marrocos (108.892 euros) ou a instalación de alumeado público no campo de fútbol de herba artificial de San Lázaro (49.000 euros).

Xa falando de parques e xardíns, referiuse á prórroga do mantemento do parque de Salgueiriños a unha empresa filial de Cogami ou a apertura da zona do parque Eugenio Granell afectada polas obras nos colectores, que "estivera pechada catro ou cinco meses pola falta dunha simple varanda". Igualmente, lembrou as intervencións realizadas nos parques Pablo Iglesias e Ponte Pereda.

Remodelación dos parques e pequenas intervencións
A Concellería está tamén a traballar na valoración da "actuación integral" que se vai a realizar no parque de Ramírez. Ademais desta, vaise a intervir naqueles parques máis antigos, que cifrou nun 85% do total, solucionando as súas deficiencias. "Iremos acometendo melloras ao longo de toda a lexislatura, priorizando os que estean en peor estado". Entre os traballos previstos contémplase a substitución de pavimentos de area por outros de caucho ou de herba artificial, labores de pintura e lixado ou cambio de pezas, entre outros.

Outras xestións que María Castelao non quixo esquecer foron aquelas que, pola súa dimensión, non teñen tanto eco, pero que "supoñen importantes melloras para os veciños". Entre estas comentou a substitución duns alcorques na rúa Ulpiano Villanueva, que permitiu crear novas prazas de estacionamento, ou os contactos con ADIF para que "subsanen todas as carencias que os veciños tiveron que soportar nestes anos" de obras do AVE. Outra destas medidas prácticas, en colaboración coa Concellería de Mobilidade, é a creación dunha parada de autobús na rúa do Hórreo, en fronte do centro de saúde.

Remate da Escola de Salgueiriños e reactivación do CSC de Santa Marta
Na rolda de prensa tamén anunciou o remate das obras da Escola Infantil de Salgueiriños, que xa está a disposición de Educación para que poda iniciar o proceso de matrícula. O que se iniciará nunhas dúas semanas será a obra para urbanizar o acceso á Escola e para crear unha liña de estacionamento, aspectos non previstos no proxecto inicial.

No caso do Centro Sociocultural de Santa Marta, indicou que se desbloquearon as obras, paralizadas durante uns meses, tras as modificacións do proxecto inicial. Neste punto, a concelleira afirmou que "non cremos nos modificados" e que o Goberno municipal velará porque as obras se fagan "co orzamento de adxudicación inicial".

Vertedoiro de Aríns e negociacións pola EDAR
María Castelao dedicou unha especial atención á "solución de dous grandes problemas" como son o peche do vertedoiro de Aríns e as negociacións para cambiar a situación da nova estación depuradora da Silvouta. Sobre o primeiro, indicou que "o problema é máis grave do que pensabamos nun principio" e que serán necesarios uns 20 anos para rexenerar a zona. A Concellería está a traballar cun experto mundial nestas cuestións, Josep María Serena, para elaborar un plan de acción.

Respecto ás negociacións co Ministerio de Medio Ambiente e a Consellería de Medio Ambiente en relación á EDAR, expresou o seu convencemento de que "no menor tempo posible a depuradora sexa unha realidade para os composteláns"

Traballo transversal
Para a posta en marcha de todos estes proxectos, a edil destacou o esforzo de "comunicación entre departamentos" que debe realizar unha concellería "transversal" como a súa. Tamén indicou que, nesta chegada ao Goberno, foi preciso cambiar determinados "hábitos, inercias e dinámicas" para darlle un ritmo "máis áxil" ao traballo do departamento.

A propósito deste labor de coordinación citou o primeiro reto que, en colaboración con outras concellerías e con Alcaldía, supuxo a organización das Festas do Apóstolo nun limitado período de tempo. Malia isto e as dificultades orzamentarias, apuntou que foron unhas "festas exitosas e con gran participación".

Compartir: