XUNTA DE GOBERNO

Resolta a convocatoria de bolsas de comedor escolar para o curso 2011/2012

10/10/2011 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, resolveu a convocatoria para a concesión de bolsas de comedor escolar para os centros docentes públicos e privados concertados de educación infantil e primaria para o curso 2011/2012.

Aprobáronse bolsas de comedor escolar por un total de 70.000 euros. Desta cantidade, 27.968 euros corresponden a 2011 e 41.952 euros a 2012. A voceira adxunta da Xunta de Goberno, Reyes Leis, lamentou que non estivera contemplada nas bases da convocatoria a ampliación de crédito, xa que con 8.000 euros máis poderíanse ter atendido todas as solicitudes.

Tamén se deu o visto bo a dous convenios de colaboración para a realización de prácticas no Concello. O primeiro deles é coa Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e terá a duración dun ano. O outro acordo, tamén para prácticas dos alumnos, asínase coa Fundación Santiago Apóstolo de Ciencias Sociais, entidade responsable da Escola Universitaria de Traballo Social de Compostela.

Educación
A proposta do concelleiro de Educación, ratificouse a colaboración do Concello para a presenza na cidade da exposición "Atalantar: da cultura rural ao desenvolvemento sostible", organizada por Lunwerg Editores en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño. Esta mostra é unha selección fotográfica de imaxes realizadas por prestixiosos fotógrafos nas que se propón un percorrido pola fauna e flora, con textos de Jesús Araujo. O seu obxectivo é conciencia aos cidadáns da importancia do rural na sociedade actual.

No ámbito do mesmo departamento deuse conta da concesión de dúas subvencións de 28.635 euros cada unha para as escolas infantís de Conxo e Fontiñas, concedidas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Na sesión tamén ratificou convenio formativo entre o CEIF Compostela e a Concellería de Educación. Grazas ao mesmo, un alumno do ciclo formativo superior de Educación Infantil realizará prácticas na Escola Infantil de Conxo. Estes traballo terán unha duración de 384 horas e desenvolveranse do 5 de outubro ao 20 de decembro.

Urbanismo
En materia de urbanismo, aprobouse inicialmente a modificación puntual da ordenanza 3 do Plan Parcial de Fontiñas. Este cambio vén a estimar como xustificada dende o punto de vista do interese público unha solicitude das Escolas Infantís Pequerrechos para incorporar o uso asistencial a unha zona de edificación residencial colectiva.

Ademais, modificouse o prazo para solicitar licenza de obra para o novo centro de saúde de Conxo. Esta decisión resolve unha incongruencia detectada nunha cláusula do acordo de cesión relativa aos prazos, evitando así posibles atrancos na tramitación

Deste xeito, establécese que o SERGAS terá como máximo seis meses para solicitar a licenza dende a aceptación por esta da cesión da parcela municipal. Esta aceptación debe producirse no prazo dun ano dende o acordo de cesión adoptado pola Xunta de Goberno. Así, sumando os prazos, se o 14 de outubro de 2012 o SERGAS non tivera solicitado a licenza para a construción do centro de saúde, entenderíase que renuncia á cesión da parcela municipal.

Economía
Finalmente, deuse conta á Xunta de Goberno da concesión pola Deputación da Coruña dunha subvención de 44.965 euros para o programa Compostela Activa 2011.

Documentos relacionados



Compartir: