CONSORCIO

O Consorcio de Santiago constitúe a comisión para a posta en marcha do Plan de Infraestruturas da Cidade Histórica

07/10/2011 Quedou constituída no Consorcio de Santiago a Comisión de Infraestruturas Básicas da Cidade Histórica de Santiago, froito da encomenda que dende o Concello se realizou ao Consorcio no mes de marzo, e que foi aceptada polo ente interadministrativo no Consello de Administración do 24 de xullo. O Plan de Infraestruturas está incluído na programación plurianual do Consorcio de Santiago para os anos 2011-2014.

Unha das misións da comisión será a de elaborar un Plan Director que permita abordar de xeito integral todos os aspectos relacionado coa xestión das infraestruturas e servizos enerxéticos na Cidade Histórica de Santiago. A finalidade é mellorar os subministros enerxéticos (luz, auga, gas), os de comunicación (teléfono, internet) e os servizos municipais que operan neste ámbito (recollida de lixo), que permitan a modernización tecnolóxica do casco histórico e o soterramento do cableado. O prazo para a redacción deste plan director é de dous anos.

Mentres tanto, e como accións inmediatas desta comisión, traballarase na definición dunhas normas e requisitos que deberán cumprir os operadores á hora de establecer calquera acción urbanizadora na Cidade Histórica; establecerase un programa piloto de subterraneización de servizos que permita demostrar a viabilidade dos traballos e da colaboración entre veciños, empresas e administración pública en todo o proceso de modernización das infraestruturas. Por último, establecerase un programa transitorio que permita incorporar a curto prazo novos servizos e operadoras de telecomunicacións que a día de hoxe non operan na Cidade Histórica.

Os membros da Comisión de Infraestruturas básicas da Cidade Histórica de Santiago son, por parte da Administración, Ángel Currás, primeiro tenente de Alcalde; María Pardo, concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica; Javier Fernández e Javier García, arquitectos do Concello, Xosé Manuel Villanueva, xerente do Consorcio; Ángel Panero, director da Oficina Técnica do Consorcio, e Xosé Allegue, da Oficina de Supervisión do Consorcio de Santiago; e, por parte das empresas implicadas, René Rodríguez, representante de Aquagest; Álvaro Piñeiro e Marcelino Casas, representantes de Daviña; José María Acosta e Enrique Brea, representantes de Gas Natural-Fenosa; Ramón Rodríguez, representante de R Telecomunicaciones; José Luis Martínez e Ananías González, representantes de Telefónica, e Antonio Gómez, representante de Urbaser.

Compartir: