MEDIO RURAL

Rolda de reunións coas asociacións veciñais para coñecer as súas demandas máis urxentes e achegarlles documentación

06/10/2011 Os concelleiros de Medio Rural, Luis Bello, e Centros Socioculturais, Francisco Noya, iniciaron unha serie de reunións coas asociacións veciñais do rural. O obxectivo destes encontros é coñecer as necesidades máis urxentes de cada parroquia, co fin de encomendar a súa xestión ás concellerías implicadas en cada caso.

As primeiras reunións tiveron lugar coas asociacións veciñais de Aríns, Marrocos e O Eixo. Aos seus responsables entregóuselles a cartografía do saneamento e abastecemento de auga e alumeado público, ademais dun plano coas infraestruturas viarias das súas respectivas parroquias.

Segundo o concelleiro de Medio Rural, "este tipo de documentación e unha antiga e insistente demanda das asociacións veciñais que nunca ata agora fora respondida". O obxectivo é "informar aos veciños sobre o estado actual destes servizos no termo municipal, para así posteriormente traballar con datos exactos e fiables, tanto por parte dos veciños para efectuar as súas demandas, como do Concello para xestionar futuras accións en relación coas infraestruturas".

"Estas reunións sucederanse nos vindeiros días ata tomar contacto con todas as asociacións veciñais do rural e así facilitarlles toda a documentación que consideren imprescindible", reiterou o edil.

Compartir: