INFRAESTRUTURAS

O Concello rexenerará o vertedoiro de Aríns e esixirá responsabilidades

06/10/2011 Unha vez executado o peche definitivo do vertedoiro de Aríns, a concelleira de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, María Castelao, explicou en rolda de prensa as irregularidades administrativas e medioambientais que afectaban a este espazo. O Concello vai rexenerar esta parcela, pero tamén demandar responsabilidades polos danos causados nos anos que permaneceu en situación irregular.

Á vista dos informes medioambientais dos técnicos municipais e de xeito inmediato, procederase a unha achega de áridos, co fin de actuar sobre os lumes soterrados que neste momento se producen e que supoñen un grave risco para a seguridade e o medio ambiente. A máis longo prazo, o Concello vai elaborar un plan de actuación para o selado e rexeneración deste espazo en Aríns.

O Concello tamén esixirá as responsabilidades derivadas da situación irregular deste vertedoiro, polo que se trasladará o expediente deste caso ao Ministerio Fiscal. "Os danos causados tenos que pagar alguén", indicou María Castelao, quen explicou tanto os "graves" prexuízos medio ambientais creados, derivados do vertido de materiais distintos aos inertes que estaban autorizados, como os propios da inexistencia dun contrato que regulara a concesión do vertedoiro dende 2006.

Sen contrato dende 2006
A edil relatou como a concesión da explotación do vertedoiro de Aríns, de 833.000 metros cúbicos de capacidade, databa dos 90, cando Urbaser (entón UTE Tremesa-Regasa) a asumiu xunto coa do vertedoiro de Piñor. Posteriormente, en 2005, a superficie de Aríns excluíuse desta concesión, sendo adxudicada á empresa Vertresa, prorrogándose a mesma por outro ano, ata o 15 de setembro de 2006. Dende entón, recordou, non existe ningún contrato que ampare a actividade, malia o cal seguían chegando residuos ao vertedoiro. Ademais, denunciou, "dende 2007 a empresa tampouco pagou ningún dos canons semestrais".

Dende o punto de vista medioambiental, a concelleira referiuse aos diversos informes emitidos polos técnicos municipais durante estes anos, nos que se fala sobre todo de contaminación do solo e das augas subterráneas e superficiais, pero tamén contaminación atmosférica, debido ás constantes queimas incontroladas. Isto deriva do depósito sen control no vertedoiro de residuos distintos aos inertes previstos, detectando incluso residuos tóxicos e perigosos. O Concello solicitou un informe sobre estes refugallos e o seu nivel de perigosidade.

Ocupación non concretada legalmente
Sobre a situación das parcelas, María Castelao recordou que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) tramitara en 2004 un expediente de expropiación forzosa para ocupala. Non obstante, non concretou a expropiación, xa que non pagou os prezos xustos, malia que, segundo dixo, "si iniciou a ocupación e verteu residuos" en ámbitos e zonas puntuais.

A situación actual é que estas parcelas figuran como de titularidade municipal no Rexistro da Propiedade, pero non así no Catastro, onde o propietario inscrito é ADIF. A pesar de terse producido unha renuncia tácita a esta parcela, o Concello solicítalle a ADIF que realice o desestimento expreso da expropiación das parcelas.

Ademais e á vista da utilización por ADIF das parcelas durante varios anos, cos consecuentes danos medioambientais, o Concello incoa un proceso de liquidación da relación xurídica expropiatoria, na que se determinen os danos e prexuízos a indemnizar.

Compartir: