ALCALDÍA

Santiago acolle un centro tecnolóxico de referencia internacional no estudio da auga

05/10/2011 O Edificio Emprendia acolleu a inauguración do Centro Galego de Investigacións da Auga, CETaqua Galicia, un centro tecnolóxico de referencia estatal e internacional no estudio da auga. O complexo está promovido pola Universidade de Santiago (USC), o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e Augas de Barcelona (Agbar).

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asistiu a este acto de inauguración xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da USC, Juan Casares Long; o presidente executivo de Agbar, Ángel Simón; e o director xeral de CETaqua, Mariano Gómez. Logo dun breve percorrido polas instalacións, as autoridades descubriron unha placa conmemorativa na entrada do edificio para, posteriormente, participar nunha quenda de intervencións.

Para o alcalde, o centro instálase "no mellor enclave para que cristalice e frutifiquen todos os traballos de investigación e se aplique o coñecemento adquirido en aras de garantir a sustentabilidade deste recurso". Pola súa banda o reitor augurou o éxito deste novo centro e, por extensión, o das investigacións que realizan os seus grupos. "Estamos na periferia, pero acostumados a competir", dixo.

Na mesma liña pronunciouse o titular da Xunta, que sinalou a experiencia da empresa e a excelencia investigadora da USC como as claves que permitirán alcanzar grandes metas no estudo e coñecemento dun dos bens máis prezados, "porque Galicia tamén é auga e a auga forma parte da nosa esencia". Finalmente, Ángel Simón, para quen "as persoas son a clave da nosa empresa e o coñecemento é parte da materia coa que traballamos", agarda que este centro contribúa a "que o persoal preparado non teña que marchar de Galicia"

CETaqua
O de Santiago é o terceiro centro CETaqua de España, logo dos de Barcelona e Málaga, que xorde como un organismo integrador, xestor e executor de proxectos de investigación co obxecto de propor ás empresas, á sociedade e ás Administracións solucións innovadoras para a resolución de problemas ambientais e tecnolóxicos ligados á auga. Trátase do primeiro centro en Galicia dedicado exclusivamente á I+D de novas tecnoloxías nesta materia.

Unha forte especialización científica e tecnolóxica marca a diferenza e define a personalidade deste centro galego. Así, o de Santiago de Compostela centrarase en dúas liñas de traballo: o desenvolvemento de novas tecnoloxías para o tratamento e depuración da auga en pequenos e medianos municipios, con especial atención ao contorno rural; e o control hidráulico poñendo énfase na incorporación de augas residuais industriais a augas urbanas e na xestión avanzada da rede de sumidoiros. Estas dúas liñas complementan as nove de Barcelona e outras dúas de Málaga de CETaqua.

Cetaqua-Galicia, que estará dirixido por Mariano Gómez López, comeza a súa actividade cun cadro de persoal de sete persoas que os seus responsables contan triplicar nos vindeiros anos. O centro operará como aglutinador de esforzos dos distintos axentes –Universidade, empresas, Administración...- con capacidade para xerar coñecemento aplicado e deste xeito favorecer sinerxías en torno á problemática integral da auga.

Oficina comercial de Aquagest en Fontiñas
Pouco antes, pero esta vez en Fontiñas, o alcalde e o presidente executivo de Agbar inauguraron a nova oficina comercial de Aquagest, empresa da que é matriz o Grupo Agbar. A rúa Londres albergará a sede galega de xestión e contacto cos clientes. Dende alí, Aquagest controlará tamén os ciclos de lectura e facturación. Aquagest atenderá dende esta oficia os 365.000 clientes que ten en Galicia, pero tamén os de Asturias, Cantabria e País Vasco.

Conde Roa expresou a súa satisfacción pola inauguración deste centro e pola ampliación de "servizo público" que esta supón en termos de "eficiencia, eficacia e calidade". Tamén recoñeceu que Aquagest, nos seus 40 anos de presenza en Santiago, "demostrou ser unha empresa concesionaria cun notable sentido da sensibilidade e responsabilidade social".

Compartir: