DEPORTES

Cincuenta e catro deportistas infantís dispurarán no Restollal o Campionato de España de Patinaxe Artística

05/10/2011 O pavillón deportivo do Restollal acollerá o vindeiro 7 e 8 de outubro o LXVI Campionato de España de Patinaxe Artística en categoría infantil. Nesta proba participarán 54 deportistas de entre 12 e 13 anos (37 rapazas e 17 rapaces), representando a 15 comunidades autónomas.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta competición, dunha especialidade como a patinaxe "en auxe na cidade". Así o demostra –indicou- a presenza doutros dous clubs en Santiago, ademais do Club de Patinaxe Compostela, organizador da proba.

"É un espectáculo que merece a pena ser visto", apuntou o presidente do Club, Enrique Anchústegui, sobre unha competición "coa maior participación dos últimos 10 anos". Os que se despracen ata o pavillón do Restollal poderá observar tres tipos de probas: as figuras obrigatorias, as parellas mixtas de danza e as competicións individuais masculinas e femininas. Santiago contará con dous participantes: un rapaz e unha rapaza.

Os resultados das competición poderán consultarse no blog do Club Patinaxe Compostela e, ao instante, na web da Federación Española de Patinaxe. O presidente desta, Carmelo Paniagua, estará en Santiago para presenciar o campionato. Será unha boa oportunidade para felicitalo polo recente título mundial logrado pola Selección Española de hóckey a patíns.

Compartir: