XUNTA DE GOBERNO

O Concello acomete as obras de reparacións e mantemento nas rúas do Campus Vida

03/10/2011 A Xunta de Goberno aprobou na súa sesión ordinaria un orzamento de 20.000 euros para gastos de mantemento e reparación nas rúas do Campus Vida. Tamén se deu o visto bo a dúas partidas, que suman 39.375 euros, para traballos de mantemento nos centros escolares.

Este investimento de 20.000 euros enmárcase no compromiso nesta materia do Goberno municipal coa Universidade de Santiago, ratificado recentemente nunha reunión entre o alcalde, Xerardo Conde Roa, e o reitor da USC, Juan Casares Long.

Ademais e malia que non estaba previsto no convenio, o Concello vaise facer cargo tamén da reparación dos bancos do Campus que están en mal estado, actuando deste xeito sobre as beirarrúas e sobre os elementos arrincados das mesmas. A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado anunciou que en vindeiras sesións se aprobarán novas partidas para estas obras, que no seu conxunto se estiman entre 200.000 e 300.000 euros.

Educación
A proposta do concelleiro de Educación, aprobouse un orzamento de 18.138 euros para obras de albanelería e pintura en varios centros de infantil e primaria. Destinaranse 7.502 euros ás reparacións do CEIP Vite; 10.353 euros ás do CEIP Pío XII e 282 euros ás do CEIP Monte dos Postes. Tamén se investirán 21.237 euros en traballos de posta a punto das instalacións de fontanería dos colexios de infantil e primaria.

A Xunta de Goberno tomou en consideración igualmente o convenio específico para o desenvolvemento de formación en centros de traballo entre o IES Pontepedriña e a Concellería de Educación. Grazas ao mesmo, dúas alumnas do Ciclo Formativo Superior de Animación Sociocultural farán prácticas no Concello ata marzo de 2012. En concreto, desempeñarán as súas funcións na Escola Infantil de Conxo.

Mobilidade
En materia de Mobilidade, acordouse a solicitude á Xunta da prórroga de ocupación temporal da parcela que acolle o aparcadoiro de borde de Salgueiriños ata o 31 de decembro de 2012. Ao mesmo tempo, apróbase a prórroga da encomenda de explotación a TUSSA ata esa mesma data, nas mesmas condicións de xestión aprobadas ata o momento, para o caso de que a Xunta de Galicia autorice a prórroga de ocupación.

Esta prórroga permitirá a posta en marcha do punto de servizo para autocaravanas recentemente anunciado. Este é un estacionamento que, por outra parte, rexistra uns bos resultados de ocupación, especialmente grazas aos autocares, segundo indicou Paula Prado.

No caso do aparcadoiro de borde de Santa Marta –apuntou- estase a traballar nun plan para mellorar a súa ocupación, sobre todo incrementando a información a potenciais usuarios.

Deportes
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a aprobación dos criterios de concesión das instalacións deportivas para a tempada 2011/2012, á vista das 30 solicitudes recibidas. Nestes criterios dáse especial preferencia ao deporte federado e de base das entidades deportivas debidamente rexistradas e que están a desenvolver unha importante actividade deportiva de carácter periódica.

Tamén se deu o visto bo ao inicio do expediente de contratación do servizo de mantemento e conservación dos terreos de xogo dos campos de fútbol de San Lázaro I, San Lázaro II e zonas verdes anexas do campo de Santa Isabel e San Lázaro (SERGAS), cun tipo de licitación de 66.012 euros.

Finalmente, aprobouse o reparto de subvencións para escolas deportivas entre oito entidades. Son case 20.000 euros que se distribúen do seguinte xeito:

- Club Deportivo Compañía de María: 1.464,23 €
- Club Baloncesto Cluny: 2.983,51 €
- Club Deportivo Lamas de Abade: 6.796,97 €
- Adeas CP Apóstolo Santiago: 400,65 €
- Club Deportivo López Ferreiro: 3.465,42 €
- Club Deportivo Conxo: 2.296,32 €
- Club ANPA da Sionlla: 1.594,07 €
- Sociedade Deportiva Villestro: 998,79 €

Emprego
Grazas aos Programas de Cooperación, vanse executar obras nas beirarrúas e accesos do tramo comprendido entre o Tanatorio de Boisaca e Meixonfrío. Estas actuacións suporán un investimento de 105.000 euros e permitirán a contratación de 10 persoas. O custo dos salarios é asumido pola Xunta de Galicia. Deste proxecto faise cargo a Concellaría de Barrios e Brigada de Vías e Obras.

Outras oito persoas serán contratadas para levar a cabo un Programa de Restauración e Mellora da Accesibilidade, cunha dotación económica de 37.000 euros. Realizaranse obras en Figueiras, A Barciela e O Paxonal.

Rehabilitación
A proposta da concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, aprobáronse inicialmente axudas para vivendas da área de rehabilitación integral (ARI) de Vista Alegre, incluídas na cuarta fase do convenio de colaboración co Ministerio de Fomento, por un importe total de 71.040 euros, achegados a partes iguais polo Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia. Ademais, deuse o visto bo ás bases reguladoras da quinta fase da ARI de Vista Alegre e da segunda da ARI de Pontepedriña.

Sentenzas
Para rematar, a voceira da Xunta de Goberno informou de dúas sentenzas xudiciais contrarias ao Concello. A primeira delas obriga a pagar no prazo de 10 días as costas, por importe de 94.590 euros, ás empresas adxudicatarias do estacionamento no parque de San Xoán, en Vista Alegre, finalmente non executado.

A outra sentenza condena ao Concello a indemnizar con 34.142 euros ao propietario dunha parcela en Aríns, polo prexuízo causado a causa da expropiación de parte da devandita superficie. Esta cantidade é a maiores do que lles correspondeu pola expropiación.

Compartir: